Friday 22 de November de 2024

O Goberno local modifica o PXOM co fin de ampliar equipamentos públicos e construír novos nun futuro


O cambio permitirá a construción do campo de rugby no campus universitario de Elviña e a ampliación dos colexios de Novo Mesoiro e Eirís

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de modificación puntual do PXOM do 2013 referente á Norma Zonal 8, que afecta a equipamentos públicos, privados e universitarios e permitirá proxectos como a construción dun campo de rugby no campus universitario de Elviña e a ampliación do CEIP Novo Mesoiro e do colexio privado de Eirís.

O obxecto desta modificación puntual é mellorar o contido da Norma Zonal 8 do PXOM que é a que ordena os equipamentos co fin de acadar unha regulación máis precisa e adaptada á realidade, e corrixir unha serie de erros para mellorar a funcionalidade dos equipamentos públicos e privados que inciden no interese xeral.
Segundo os responsables municipais, con esta modificación axilízanse os procesos e os trámites e desbloquéanse proxectos xa que se elimina a obriga xeral de realizar un estudo de detalle cando a actuación afecta aos volumes existentes. Ademais, suprímese algún equipamento previsto polo Plan en lugares que os responsables municipais non consideran axeitados a través dun cambio na cualificación do solo.

Tamén se eliminarán, a petición da Universidade, os límites de edificabilidade previstos no campus universitario de Elviña que imposibilitaban a concesión de licenzas de obras no ámbito deste importante sistema xeral tan necesario para a actividade económica, social, educativa e cultural da cidade da Coruña. Estes cambios propostos afectarán á totalidade do campus de Elviña, xa que agora se considerará como equipamento público universitario, incluíndo os viarios, aparcadoiros e zonas verdes.

A modificación, explican desde Urbanismo, permitirá corrixir erros nos planos de ordenación do plan xeral en relación aos equipamentos existentes xa que algúns deles aparecen cualificados como privados cando en realidade son equipamentos públicos, e facer unha nova redistribución das prazas de aparcamento en todas as parcelas de equipamentos.

Tamén se lle deu luz verde á expropiación de solo para poder construír un tramo do viario entre o barrio de Xuxán e a residencia de Santa Teresa de Jornet, en Eirís. O importe do proxecto ascende a 6.940,54 euros e a superficie total para expropiar é de 973,99 m2.

Así, o Concello poderá conectar o sector de Monte Mero coa rúa Lázaro Cárdenas e construír o tramo de viario que falta entre o barrio de Xuxán e Teresa de Jornet en Eirís, Deste xeito, o barrio dispoñerá dunha nova vía de saída e entrada e, ao mesmo tempo, poderase reducir o tráfico que circula pola antiga estrada de Eirís.

Doutra banda, na sesión de hoxe acordouse tramitar a operación xurídica complementaria presentada pola Asociación Parque Ofimático 2010, co obxectivo de complementar a adaptación do parcelamento do Sector 10 “Parque Ofimático” (Polígono S10.01) ao novo ordenamento urbanístico vixente recollido nunha modificación puntual do plan parcial aprobado o 22 de decembro de 2014 co fin de axustar o deseño dos espazos resultantes da ordenación e optimizar o seu funcionamento. Esta operación permitirá realizar axustes técnicos tanto en parcelas de equipamentos públicos como en parcelas privadas no barrio de Xuxán para desenvolver a segunda fase da urbanización e de vivendas unifamiliares previstas na zona sur do ámbito lindeiro co núcleo de Eirís Vello.

Tamén se autorizou de maneira definitiva o proxecto de expropiación forzosa para a obtención do solo de sistema local viario de tres parcelas situadas na rúa San Pedro de Visma. O importe do proxecto de expropiación ascende a 41.549 euros. E prorrógase por un importe de 500.000 euros o contrato subscrito coa UTE Áreas Peatonales II para o servizo de mantemento, conservación e reparación de pavimentos de beirarrúas e áreas peonís da zona sur da cidade, así como para mantemento do mobiliario urbano no período comprendido entre o 1 de decembro de 2020 e o 21 de marzo de 2021 ou ata que se formalice o novo contrato que está en proceso de licitación.

Ademais, adxudicouse a Albada Servicios Profesionales SL o servizo para o desenvolvemento, soporte e mantemento da plataforma B.I. (Business Intelligence) do Concello da Coruña por un importe de 220.000 euros e un prazo de dous anos.

Na sesión desta mañá aprobouse a convocatoria de subvencións para o transporte en taxi de persoas con diversidade funcional. A convocatoria está dirixida a todas aquelas persoas que teñan un grao de discapacidade que lles impida utilizar calquera tipo de transporte colectivo. Esta axuda consiste no repartimento de bonos para o pago de viaxes en taxi, que facilita o desprazamento de persoas con pouca mobilidade e contribúe a desenvolver políticas sociais de integración. O concello aprobou o gasto destinado ás axudas do bono taxi para o ano 2021 por un importe de 125.000 euros.

E, por último, a Xunta de Goberno Local aprobou contratar, a través da modalidade de renting, sete vehículos patrulla e cinco furgonetas con distintivos para o servizo da Policía Local, cun orzamento de 884.000 euros e unha duración de catro anos.