O 2.° Ciclo Victoriano García Martí desenvolverase na Pobra coa finalidade de divulgar e contribuír á posta en valor da figura e obra deste escritor pobrense, fillo predilecto da localidade, entre a cidadanía, ademais de recupera-la súa memoria. Organizada pola Concellaría da Cultura e o Museo Valle-Inclán, coa colaboración da Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a programación de actividades transcorrerá nas xornadas do día 20 e do día 27 de novembro en distintos puntos do municipio. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e o director do Museo Valle- Inclán, Antonio González.
Así, a segunda convocatoria deste ciclo iniciarase neste venres 20 con tres actos: a inauguración, ás 19.00 horas, da instalación conmemorativa na fachada da antiga casa do escritor situada nos Areos, en colaboración coa Gadisa, a cal estará composta por imaxes do intelectual acompañadas de citas de Valle-
Inclán, Unamuno e Blanco Amor que aluden a el, contribuíndo tamén á posta en valor dos restos deste inmoble, tal e como expuxo a edil Patricia Lojo.
Deseguido, ás 19.30 horas, procederase coa ofrenda floral ante o seu busto na praza García Martí e efectuarase a lectura pública de escritos seus relacionados coa vila. A ruada festiva correrá a cargo de Arrancadeira, levando o baile e música tradicional por distintos espazos.
Por outra banda, no venres 27 clausurarase esta edición coa conferencia Ideología y activismo en Victoriano García Martí. Una voz quebrada, da man de Arantxa Fuentes Ríos, profesora da Universidade de Santiago de Compostela; ademais de coa presentación da edición facsimilar Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917). Ámbolos actos serán no Elma, ás 20.00 horas.
A concelleira Patricia Lojo indicou que se trata dunha aposta decidida dende a Área da Cultura. A ilustración da cartelaría deste ano foi realizada por Domingo Regueira, a quen lle expresou o seu agradecemento, así como a tódalas persoas que fixeron posibles estas xornadas. Do mesmo xeito, manifestou que tódalas actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da
COVID-19 e animou a veciñanza a asistir.
Na súa intervención, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, apuntou que esta proposta “permítenos dar a coñecer unha parte do fondo patrimonial que ten o Museo”, entre os cales se atopa a fototeca, obxectos persoais e o epistolario. Tamén destacou que García Martí "era un intelectual, un escritor, un xornalista; era moitas cousas, pero foi unha persoa represaliada e silenciada, e esta represión e silencio tiña que ver co que el dixo en vida."
O rexedor, Xosé Lois Piñeiro, concluíu agradecendo o traballo de tódalas persoas implicadas neste ciclo e precisou que consideran que se trata dun”persoeiro cunhas ideas avanzadas ao seu tempo en moitos casos”, ademais de incidir en que “era tan polifacético, escribía de tantas cousas e tan diferentes que
é necesario que a nosa sociedade coñeza mellor este escritor”.