Friday 22 de November de 2024

O V Festimaxia de Lousame acollerá este domingo a actuación do Mago Teto, que porá en escena o espectáculo “Alquimia”


O Concello de Lousame cumpre así o compromiso adquirido o pasado ano con todas as persoas que non puideron asistir por falta de aforo

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 22 de novembro, ás 18:00 horas, unha actuación do Mago Teto, que volverá poñer en escena o seu espectáculo “Alquimia”, que o propio mago define como “unha fusión do teatro e as artesmescénicas coa maxia”. “Unha actuación que tivo tal éxito na edición do ano pasado que deixou a ducias de veciños e veciñas sen poder asistir por falta de aforo. Daquela adquirimos o compromiso de volver programar este espectáculo e agora cumprímolo”, explica Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura.
Un exceso de aforo que este ano non volverá a darse debido ás medidas preventivas contra a Covid-19, que obrigan a reservar a entrada con antelación chamando ao teléfono 981 82 57 80. “Alquimia” é un espectáculo dirixido a un público familiar, a partir dos 7 anos, no que o Mago Teto experimenta con auga, terra, lume e aire na busca da pedra filosofal.
Esta será a segunda das tres actuacións programadas no V Festimaxia de Lousame, organizado polo Concello de Lousame en colaboración coa Deputación da Coruña. Para o vindeiro domingo 29 de novembro, tamén ás 18:00 horas, queda a derradeira actuación deste ano da man do mago Dani García, que porá sobre o escenario da Casa da Cultura lousamiá o seu espectáculo “Don Gelati”, unha actuación que mestura maxia e humor.