Saturday 16 de November de 2024

O Goberno municipal rebáixalle nun 30% o recibo de 2020 da recollida de lixo á hostalaría e adía o seu cobro até o primeiro trimestre do ano que vén


As hostaleiras e hostaleiros que xa aboaron a taxa ou que a teñen fraccionada poderán solicitar a súa devolución cun trámite sinxelo

As e os profesionais hostaleiros non terán que aboar o recibo pola recollida de lixo deste ano até o primeiro trimestre de 2021. O Goberno deu de baixa os recibos que xa foron emitidos, aos que se lles practicará un novo cálculo restando a cota correspondente aos días de peche ou a minoración forzosa de actividade decretados polo Estado e pola Xunta durante o primeiro e o segundo estado de alarma. Así, os recibos emitidos pendentes de cobro quedan sen efecto e as hostaleiras e hostaleiros non terán que os pagar este ano.

O recibo do lixo á hostalaría emitirase de novo no primeiro trimestre do próximo ano, o que axudará a lles aliviar así as cargas económicas nestes momentos aos negocios afectados polo cesamento de actividade. Ademais, o novo recibo correspondente a 2020 reflectirá unha rebaixa da taxa próxima ao 30%, unha porcentaxe que sae de lle restar os días de cesamento de actividade decretados polo Estado e pola Xunta. Se se produciren novos peches antes do final de 2020, aumentarase a cantidade que se descontará, de xeito proporcional.

O Goberno municipal habilitou nas últimas semanas un sistema para que as/os hostaleiras/os poidan solicitar a devolución en caso de que xa pagasen a taxa. Mais debido ao novo peche que decretou a Xunta desde o 7 de novembro –cando os cobros dos recibos domiciliados xa se fixeran-, decidiu ir máis alá e anular os recibos pendentes de cobro.

Tanto para os que xa pagaron por domiciliación como para os que teñen o pago fraccionado, e tamén para os que aboarsen o recibo no período de pago voluntario actualmente vixente, o Goberno simplificará os trámites para que poidan reclamar a devolución da parte proporcional xuntando unha declaración responsable. O modelo de solicitude remitirase a todos os establecementos nos próximos días. Todas/os as/os que aínda non pagaron non o terán que facer, xa que os recibos pendentes de cobro anuláronse e non se emitirán de novo até primeiros do ano próximo.

“Desta forma, o Goberno de Inés Rey quere contribuír a aliviar a situación pola que está pasando a hostalaría evitando que teñan que aboar agora as taxas cos seus negocios pechados e incorporando unha rebaixa que chega ao 30%”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, quen lle pide tamén á Xunta que aprobe medidas de apoio específicas e de calado para o sector.

Ocio nocturno
As propietarias e propietarios daqueles locais que estivesen pechados por orde das distintas administracións durante un período maior que os restaurantes, cafeterías, bares e establecementos análogos poderán presentar unha solicitude para reclamaren unha rebaixa maior do recibo, que pode superar o 50% da taxa fixada.

A maior parte destes locais figuran clasificados como negocios de hostalaría ou como cafeterías, polo que non é posible establecer de oficio unha rebaixa distinta da recollida para o xeral da hostalaría. Malia todo, poderán solicitar a diferenza achegando a documentación correspondente que o acredite para que a minoración sexa maior cando se liquide o novo recibo no primeiro trimestre do ano 2021.

Comercio
O período de pago do recibo do lixo para o comercio -que retomou a actividade no proceso de desescalada no pasado mes de maio- mantense como estaba previsto até o 4 de decembro deste ano.

O comercio, ao igual que a hostalaría, poderá recuperar a parte proporcional do recibo correspondente aos días en que os seus locais permaneceron pechados. En función dos días de peche, as devolucións poden chegar ao 20% do custo do recibo.

A orde de peche que ditou o Estado en marzo deste ano non lle afectou por igual a todo o comercio e permitiu que determinadas actividades se seguisen prestando.
Por ese motivo, o concello só pode tramitar as devolucións despois de o demandaren previamente as persoas interesadas, non de oficio.

As propietarias e propietarios de negocios que estiveron pechados poden solicitar xa a devolución da parte do recibo correspondente acreditando os días de cesamento da actividade. Nos vindeiros días, remitiráselles a todos os comerciantes un formulario para lles facilitar a tramitación das devolucións, se ben estas xa se están tramitando. No servizo telefónico 010, facilitaráselles tamén información sobre estas cuestións ás persoas interesadas.