Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión convida á veciñanza a sumarse á campaña “En negro contra as violencias” por terceiro ano consecutivo


A campaña apoiarase con dúas representacións teatrais no polivalente: “Invisibles” (25N) e “A pluma viva de Rosalía” (27N), para as que xa se poden reservar as entradas

O Concello de Brión adheriuse por terceiro ano consecutivo á campaña “En negro contra as violencias”, iniciativa xurdida en Compostela en 2015. Por iso, dende o Concello de Brión propóñenlle a toda a veciñanza, empresas e asociacións que utilicen o material da campaña “Brión en negro” durante a segunda quincena de novembro nas ventás e outros lugares visibles das casas, negocios ou locais.
O material será facilitado gratuitamente na Casa do Concello e no Centro Social Polivalente, tanto en formato impreso como dixital. Un material que tamén pode solicitarse telefonicamente (981 88 70 06) ou a través do mail: brionennegro@briondixital.org . O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “co gallo da conmemoración do 25 de novembro, un gran número de veciños e veciñas colaboraron en 2018 e 2019 na difusión desta campaña contra a violencia machista no noso concello. Neste 2020 somos conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, pero non por iso debemos deixar de facer visible a mensaxe de repulsa que pretendemos lograr: que en Brión non temos medo
a manifestarnos abertamente en contra dos maltratadores e que as vítimas poden contar co noso apoio”.
Teatro contra a violencia
A maiores, o Concello de Brión programou dúas representacións teatrais que porán sobre o escenario do centro social polivalente dúas temáticas sensibles: a violencia de xénero (“Invisibles) e a igualdade entre home e muller (“A pluma de Rosalía”). En ambos os dous casos, a entrada é gratuíta se ben por mor da pandemia da covid-19 o aforo é limitado. As persoas interesadas en asistir a calquera dos espectáculos deben reservar as súas entradas chamando ao teléfono 981 50 99 08.
“Invisibles” é un espectáculo teatral de Redrum Teatro baseado na novela de Montse Fajardo e que obtivo tres premios de teatro María Casares (Mellor iluminación, Mellor adaptación e Mellor dirección) e o II Concurso de Ideas Luísa Villalta de proxectos pola igualdade. As actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez porán sobre o escenario brionés diversas historias reais protagonizadas por mulleres galegas e cun fío común entre elas: a violencia de xénero. A obra, dirixida por Marián Bañobre, poderá verse no centro social polivalente o mércores 25 de novembro, ás 20:00 horas.
Finalmente, o venres 27 de novembro, ás 20:00 horas, o polivalente de Brión acollerá unha actuación do grupo “Os Quinquilláns”, que porán en escena a obra “A pluma viva de Rosalía”, unha montaxe teatral sobre igualdade e liberdade a partir de textos da poetisa galega. Tero Rodríguez e Lucho Penabade porán en escena unha obra baseada nun feito real de censura á obra de Rosalía de Castro, onde se chegou a apedrear a editorial na que acababa de publicar.