Friday 22 de November de 2024

O Concello rematará o viario para unir os barrios de Xuxán e Eirís


A Xunta de Goberno Local autorizará mañá, nunha sesión ordinaria, unha operación xurídica complementaria para poder adaptar distintas parcelas do Sector 10 de Xuxán ao planeamento vixente

A Xunta de Goberno Local daralle luz verde mañá, en sesión ordinaria, á expropiación de terreos para executar un tramo do viario entre o barrio de Xuxán e a residencia de Santa Teresa de Journet, en Eirís. A superficie total para expropiar é de 973,99 m2 e o importe do proxecto ascende a 6.940,54 euros.

Deste xeito, o concello obtén os terreos necesarios para conectar o sector de Monte Mero coa rúa Lázaro Cárdena, e poderá construír o tramo de viario que falta entre o barrio de Xuxán e Teresa de Journet en Eirís co fin de que o barrio dispoña dunha nova vía de saída e entrada e, ao mesmo tempo, reducir o tráfico que circula pola antiga estrada de Eirís.

Doutra banda, na sesión de mañá tamén se acordará tramitar a operación xurídica complementaria presentada pola Asociación Parque Ofimático 2010, co obxectivo de complementar a adaptación do parcelamento do Sector 10 “Parque Ofimático” (Polígono S10.01) ao novo ordenamento urbanístico vixente recollido nunha modificación puntual do plan parcial aprobado o 22 de decembro de 2014 co fin de axustar o deseño dos espazos resultantes da ordenación e optimizar o seu funcionamento.

Esta operación, explican desde Urbanismo, servirá para realizar pequenos axustes técnicos tanto en parcelas de equipamentos públicos como en parcelas privadas no barrio de Xuxán para desenvolver a segunda fase da urbanización e de vivendas unifamiliares previstas na zona sur do ámbito lindeiro co núcleo de Eirís Vello. Con estes axustes tamén se ten en conta a ampliación da Avenida de Alfonso Molina e a súa afección ás parcelas de equipamento público. Deste xeito, as parcelas afectadas constarán inscritas no Rexistro da Propiedade e dadas de alta no catastro coas características que lles asigna a modificación puntual do plan parcial de 2014, que é o planeamento vixente.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que con estas dúas actuacións o concello dá un paso máis no desbloqueo de desenvolvemento urbanístico do barrio. “Estamos a facer cidade, unha cidade máis sustentable e dando resposta á necesidade de vivenda que hai na Coruña”, dixo.

A operación xurídica aprobada non modifica o aproveitamento urbanístico atribuído ás persoas propietarias ni altera a edificabilidade das parcelas, tan só mellora o proxecto de parcelamento, introducíndolle os axustes derivados da súa adaptación ao novo planeamento urbanístico vixente. De igual maneira non se opón ao sentido esencial do proxecto e non afecta ao repartimento de beneficios e cargas.