A área de Igualdade do Concello de San Sadurniño viu trastocada a súa programación do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero por causa do repunte xeralizado de contaxios e polo reforzo das medidas de prevención. O departamento tiña previsto organizar distintos eventos ao longo de todo o mes, presididos -coma outros anos- por unha xornada central de debate ao respecto das distintas maneiras de afrontar o maltrato. Esa filosofía vai seguir manténdose, pero de maneira virtual. E é que o propio mércores 25-N e o xoves 26 van levarse adiante dous obradoiros impartidos por Baia Fernández de la Torre e por Noelia Darriba García que se poderán seguir por videoconferencia a partir das 20.00h. a través da aplicación Zoom. As sesións están orientadas exclusivamente a mulleres e fará falla inscrición previa enviando un correo a pilar.calvo@sansadurnino.gal. O último día para anotarse é o luns 23 ás 13.00h.
Os obradoiros durarán arredor de hora e media, aínda que este tempo pode variar dependendo do grao de interacción das participantes. Igualdade concibiu estes encontros en liña como unha charla profesional na que se poderá preguntar, expor dúbidas ou contar experiencias. Unha xuntanza grupal, en resume, que se diferenciará das dos outros anos unicamente no feito de que cadaquén vai participar desde a casa, mentres que as dúas profesionais convidadas estarán na Casa da Cultura.
O primeiro taller en liña, o do mércores 25-N, ofrecerao Baia Fernández de la Torre, adestradora emocional que leva máis de dez anos axudándolles a outras persoas a descubriren as súas emocións e mostrándolles como xestionalas, como parte dun coñecemento que redunda tamén na mellora da saúde.
De la Torre tratará o empoderamento emocional con perspectiva de xénero no ámbito rural. “Falará de como unhas emocións equilibradas poden axudar a recuperar o poder sobre unha mesma. Para Baia o verdadeiro empoderamento nace da autoestima, e a risa pode ser unha ferramenta moi útil para chegar a ela”, explica a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo Gundín, quen puntualiza que o obradoiro “non é un encontro de humor, senón que buscamos axudarlles ás participantes a descubriren a propia risa interior de cada unha, esa que nos conecta co entusiasmo e a alegría de vivir”.
Ao día seguinte, o xoves 26 tamén ás 20.00h., tocaralle a quenda á educadora social e activista Noelia Darriba García. O encontro que ela guiará leva por título “É tempo de coidarnos, priorizarnos e bentratarnos” e, ocuparase diso, da conciencia propia e da necesidade de xestionar o tempo na medida de unha mesma e non en virtude das circunstancias que nos rodean. “Ás veces nunca somos a nosa propia prioridade e o corpo, tarde ou cedo, protesta. Debemos coidarnos, priorizarnos e colocar no centro das nosas vidas o bo trato cara a nós mesmas. Noelia Darriba García falaranos desta cuestión e daranos algunhas pautas para establecer o autocoidado como algo que empeza por cada unha de nós”, explica Breixo Gundín.
Para estes obradoiros fará falla ter conta na aplicación de xuntanzas virtuais Zoom -é gratuíta e vale para ordenadores, táblets e móbiles- e recoméndase conectarse por wifi -ou cable- para non consumir datos da tarifa do móbil, salvo que se dispoña deles sen límite. As inscricións poden facerse até as 13.00h. do próximo luns mandándolle un correo a pilar.calvo@sansadurnino.gal indicando nome e apelidos, a idade, o concello de residencia, a profesión e o nº de teléfono. Ao día seguinte enviaráselles ás participantes a ligazón para unirse á/s sesión/s.
Campaña “De Fronte á violencia de xénero”
Ademais desta programación propia, o Concello tamén se sumou á iniciativa “De fronte á violencia de xénero” promovida pola Deputación da Coruña. Trátase dunha campaña e máis un programa de actividades que apelan directamente á implicación dos municipios da provincia, estendendo a chamada á acción a calquera outra entidade e a persoas que queiran participar na difusión da mensaxe.
Esta proposta busca promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxias entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Por outro lado, a iniciativa pon a disposición da veciñanza da provincia unha serie de actividades coas que seguir levando aos nosos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e a violencia de xénero, consecuencia directa daquela.