O pleno municipal do Concello de San Sadurniño reunido na tarde do venres aprobou os tres puntos que ían na orde do día, aínda que con disparidade de pareceres entre os grupos da oposición á hora de votar. Así, BNG, PP e PSOE estiveron de acordo na modificación da ordenanza fiscal da EIM para incoporar a gratuidade a partir do segundo fillo ou filla, BNG e PSOE votaron a favor da modificación orzamentaria que permitirá levar a cabo sete proxectos de obras cifrados en algo máis de 133.000 euros (o PP abstívose), e, por último, o BNG sacou adiante en solitario -abstención so edil socialista e voto en contra do PP- a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo do Concello de San Sadurniño, contra a que o grupo popular presentara varias alegacións.
A sesión extraordinaria desenvolveuse na Casa da Cultura e durou uns 50 minutos. Tempo no que houbo abondoso debate nos tres puntos tratados. O primeiro deles centrouse na modificación da ordenanza que regula os prezos da Escola Infantil Municipal de cara a introducir a gratuidade do servizo a partir do segundo fillo ou filla que teña unha familia usuaria. A medida adóptase na escola de titulariedade municipal para non marcar un “agravio comparativo” con respecto a familias usuarias das escolas dependentes da Xunta, onde tamén se aplica esa bonificación. Ademais, trátase dunha posibilidade introducida no Plan Concertado Xunta-Concellos, de maneira que a Administración autonómica confinancia unha parte dos custes das prazas, aínda que non a súa totalidade, que debe ser completada polos municipios cos seus propios recursos. O asunto foi ratificado polos tres grupos con representación municipal.
O segundo tema da orde do día, relativo á modificación do orzamento para incorporarlle máis de 133.000 euros dos remanentes do ano pasado con destino a novos investimentos, foi apoiado polo BNG e o PSOE, mentres que o PP se abstivo coargumento de que non dispuña de toda a información sobre os proxectos que se van sufragar con esa nova partida económica e por entender que con eses cartos “podían facerse outras cousas” para “a reactivación do concello”. O Grupo de goberno defendeu a modificación indicando que todas as actuacións van dirixidas, precisamente, á reactivación económica do territorio, posto que os proxectos “van facelos empresas que lle dan traballo a xente”.
O Executivo local incidiu ademais en que parte dos investimentos se dedicarán a mellorar infraestruturas relacionadas co patrimonio e co turismo “que tamén axudan á reactivación económica, cun turismo novo, en auxe e máis sustentable”, explicou o alcalde referíndose á construción dunha nova área para autocaravanas, á sinalización do sendeiro do Castro -incluída a do castelo de Naraío- e á reparación do miradoiro de Racamonde, como parte da adecuación do equipamento a unha maior afluencia de visitantes e tamén ás necesidades informativas do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
Con respecto á suposta falla de información, Secundino García acusou á portavoz do PP de “repetir mentiras” e recordoulle que no momento da convocatoria dos plenos “todos os concelleiros teñen á súa disposición o expediente completo con todos os informes na Secretaría municipal”.
A modificación de crédito contou co apoio do PSOE, quen se congratulou de que se desbloquease “a Lei Montoro” que lles impedía aos municipios ata hai unhas semanas dispoñer dos seus remanentes para acometer novos investimentos. O concelleiro socialista pediu tratar en comisión e con máis detalle os investimentos que o Goberno local propón efectuar con cargo á nova dotación orzamentaria. En total son sete: un plan de reparación de pistas en todo o territorio, a restauración do palco da música da Seara -Ferreira-, a construción dunha área para autocaravanas na zona da Cortiña, a instalación dun sistema de control a distancia da potabilizadora da Agra de Arriba, dúas melloras no equipamento de abastecemento de auga no Camiño Arriba e os xa mencionados do sendeiro do Castro e da reparación do miradoiro de Racamonde.
O terceiro punto debatido foi case un calco do xa falado na sesión do pasado 24 de setembro, cando se aprobou con carácter inicial a RPT do Concello, que define a estrutura organizativa e de funcionamento da Administración local ademais de corrixir desigualdades no cálculo das retribucións do persoal. Daquela o PP votou en contra do documento amparándose nas apreciacións desfavorables do Secretario municipal que, posteriormente, foron recollidas e rexistradas con forma de alegacións pola portavoz popular, María Belén Trigo.
No pleno do venres debatíase se se admitían ou non esas alegacións, cuxo fondo é o mesmo que se tratou na aprobación inicial de setembro e que, ademais, aparecen rebatidas unha por unha nun informe xurídico encargado polo Concello. O PP criticou que ese informe estivese asinado polo bufete dun avogado “simpatizante confeso do BNG” e considerou “máis imparcial” o redactado pola Secretaría municipal, gardándose de mencionar baixo esa mesma premisa que o posto de secretaría tamén se verá afectado polo contido da Relación de Postos de Traballo.
O Grupo de goberno ratificouse na postura que xa mantivera en setembro apoiando un documento “aprobado pola maioría do persoal municipal” e defendeu a calidade da argumentación técnica e a base xurídica do informe externo, indicando que a Relación de Postos de Traballo “non incumpre absolutamente nada” e que, polo tanto, pode continuar adiante coa súa tramitación co obxectivo de que entre en vigor en 2021. Abondaron os votos do BNG para rexeitar as alegacións do PP e darlle a aprobación definitiva ao texto. Pola súa parte, o PSOE só se pronunciou para reiterar a abstención que xa expresara no pleno de setembro.