A proposta presentada polo Goberno local recolle as achegas de praceiras/os, veciñanza e comerciantes
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que o Concello da Coruña conta xa co informe favorable do Consello Territorial de Patrimonio da Xunta para levar a cabo a reforma da contorna do mercado de San Agustín. Desde a Concellería de Urbanismo e Mobilidade, explican que o proxecto adáptase ás propostas de intervención no espazo público recollidas polo Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e Peixaría, PEPRI, aprobado definitivamente en xaneiro de 2015. A proposta presentada polo Goberno local recolle as achegas de praceiras/os, veciñanza e comerciantes.
Neste senso, o proxecto, que xa conta coa supervisión municipal e co informe favorable de Patrimonio, non establece ningunha actuación que impida o tránsito de vehículos polas rúas Marqués de Pontejos, Pío XII, San Agustín ou Xoán XXIII. Con todo, explican desde a concellaría, un estudo de mobilidade sinala a necesidade de restrinxir o tráfico en determinados horarios, unha restrición que, polo momento, non se vai executar e que, tal e como se acordou, pactarase coa veciñanza e coas/cos comerciantes. Villoslada aclarou que a supresión total da circulación nunca formou parte do proxecto e lembrou que estas obras se desenvolverán xunto a outras actuacións encamiñadas a melloraren a accesibilidade no barrio, como son o proxecto de comunicación vertical entre Panadeiras e Pío XII e o plan para lle dar continuidade ao bus urbano até a rúa Sol, co fin de que o transporte público chegue até a zona do mercado.
A actuación, que conta cun orzamento de 822.579 euros, estipula zonas de estacionamento regulado para persoas residentes (que non existen na actualidade), maiores zonas de carga e descarga e prazas de rotación e garante a accesibilidade en todo o ámbito, xunto cun aumento significativo das zonas peonís, xa que con esta iniciativa o concello busca darlles prioridade ás areas peonís e humanizar a zona.
O proxecto, redactado polo estudo LCG Arquitectura, representa unha mellora notable nos espazos peonís da contorna de Santo Agostiño dotándoos de mellores calidades no pavimento e maior superficie. Plantaranse árbores e instalarase novo mobiliario urbano. Ademais, está previsto que se reordenen as áreas de aparcadoiro, co fin de que que non lle afecten á mobilidade peonil, que se verá potenciada coa peonalización dun pequeno tramo da rúa entre o mercado e a igrexa de San Xurxo. Ademais, a reordenación tamén permitirá unha mellor visualización do mercado, proxectado nos anos 30 polos arquitectos Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro Rodríguez.
O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou que a proposta, que lles foi presentada ás praceiras e aos praceiros en xullo nunha reunión no propio mercado, recolle as achegas deste colectivo, así como da veciñanza e das e dos comerciantes. Lembran que en xullo tamén se lles presentou a actuación ás persoas integrantes da Mesa da Cidade Vella e á Asociación de Vendedores do Mercado de Santo Agostiño. En concreto, en resposta á petición das praceiras e praceiros, conservaranse prazas de aparcadoiro de rotación forzosa dun máximo dunha hora.
De feito, sinalan, esta medida xa se está incorporando na contorna de todos os mercados da Coruña e doutras cidades. Canto ao resto das prazas de estacionamento, o Goberno local apuntou que se destinarán ás persoas residentes, tal e como se acordou coa veciñanza do barrio, que leva tempo reclamando máis prazas debido á falta de garaxes na zona.
Doutra banda, o pasado 13 de outubro os concelleiros de Urbanismo e de Comercio, Juan Díaz Viloslada e Diana Cabanas, mantiveron unha reunión coa asociación Área Obelisco, en que as e os comerciantes presentaron as súas suxestións e o concello comprometeuse a executar as obras sen realizar cortes de tráfico que serían acordados máis adiante.