A actuación estará enfocada en protexer ás vivendas alí localizadas da erosión provocada polos factores climáticos
O Concello de Camariñas está a preparar un novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo marítimo de Area da Vila, que se enfocará en protexer ás vivendas alí localizadas da erosión provocada polos factores climáticos e o paso do tempo.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañada dos concelleiros Sergio Caamaño e Encarna Liñeiro, reuniuse hoxe de xeito telemático co subdirector xeral para a Protección de la Costa, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, Ángel Muñoz Cubillo, para dar luz verde á redacción do proxecto.
O obxectivo desta reunión era sentar as bases dun acordo de colaboración para levar a cabo a segunda fase do Paseo de Area da Vila, correspondente á parte da Punta da Carnicería. Xa existía un proxecto anterior, do ano 2010, pero que agora mesmo é inviable porque este ía por dominio público e agora non se están facendo este tipo de intervencións.
Estes traballos completaranse coa primeira fase do proxecto, que vai desde a Punta da Carnicería ata a rúa Vulcano e que se acometerá por parte do Concello de Camariñas con fondos do Plan Único da Deputación da Coruña.
Sandra Insua explicou que “o subdirector xa se puxo en contacto coa Demarcación de Costas da Coruña para coordinar este novo proxecto, polo que o primeiro paso xa está dado” e destacou que “os edificios alí situados sofren moito deterioro e corren perigo polo que a actuación é necesaria”.
A rexedora tamén agradeceu a boa predisposición amosada polo organismo estatal xa que “a directora xeral de Costas, Ana María Oñoro, comprometeuse a recibirnos en Madrid cando a situación sanitaria mellore e unha vez teñamos o proxecto corrixido”.