O novo Plan Especial de Protección e Reforma Interior axústase ás necesidades dos veciños para mellorar os espazos públicos e a accesibilidade e para recuperar soares e edificios baleiros
O Goberno municipal aprobou no pleno de hoxe, de xeito definitivo, a revisión e adaptación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Cidade Vella e Peixaría, un documento consensuado sobre a base das demandas dos veciños e a un novo modelo de cidade que aposta pola rehabilitación, polo coidado do pasado e pola reactivación económica da zona. Na sesión plenaria desta mañá, a Corporación local tamén deu o visto e prace a dúas mocións para apoiar os traballadores de Hewlet-Packard (HP) e para pedir que se garanta o acceso ás novas terapias para os enfermos de hepatite C.
PEPRI
A aprobación definitiva do segundo Plan Especial de Protección e Reforma Interior da historia da cidade, que conta co visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio, substituirá ao vixente na cidade dende 1998 e, tal e como explicou o tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, permitirá “contar cun instrumento de traballo máis actualizado para facilitar o día a día do Concello, dos profesionais e dos veciños”.
“É un plan consensuado que reflicte as demandas dos veciños e un novo modelo de cidade que aposta pola rehabilitación e polo coidado do pasado. O obxectivo é que os veciños do ámbito, especialmente do casco histórico, gocen duns servizos, unhas infraestruturas e unha calidade de vida propia de calquera habitante dunha cidade actual, pero conservando e respectando o patrimonio arquitectónico e artístico. Por iso o PEPRI achega algo máis que unha serie de normas, suxire plans para infraestruturas, espazos públicos e, en definitiva, unha nova forma para habitar e vivir”, afirmou o tenente de alcalde.
O anterior PEPRI aprobouse hai case 17 anos, polo que era necesaria unha revisión normativa e unha actualización informativa que permita a súa adaptación á realidade. Ademais, axústase ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) aprobado en 2013. É a primeira vez na historia da Coruña que se aproba nun mesmo mandato o PEPRI e o Plan Xeral.
Fernández Prado sinalou que o PEPRI aproveita a declaración da Torre de Hércules como patrimonio da Humanidade para unha maior atención ao patrimonio, ao tempo que mantén a realidade construída e frea a perda patrimonial da última década. “Dende a aprobación do anterior PEPRI, en 1998, a cidade perdeu 94 edificios catalogados, é dicir un 10% do total. O novo documento conta con, aproximadamente, un 60% de edificios catalogados”, explicou o tenente de alcalde, quen aproveitou para detallar as principais achegas do novo PEPRI:
. Transparencia e participación para lograr un plan consensuado. Neste sentido, Fernández Prado recordou que se organizou unha exposición divulgativa sobre o PEPRI na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, celebráronse 14 reunións con 18 colectivos profesionais e asociacións veciñais para recoller as súas suxestións, divulgouse dende a páxina web municipal e púxose en marcha unha oficina específica para atender as dúbidas de cidadáns e comunidades de veciños de forma particularizada. “É un proceso de participación sen igual na historia urbanística da cidade”, engadiu o tenente de alcalde.
. Aposta pola conservación e rehabilitación tanto dende o punto de vista ambiental como histórico. “Formula un completo programa de rehabilitación a 12 anos que supón actuar sobre o 20% do parque edificado: 334 edificios, dos que 290 están catalogados (117 en mal estado e 173 regular) e 44 non catalogados anteriores a 1960 en estado regular. Ademais, as actuacións beneficiarán a 1.326 vivendas e a posta en uso de 519 vivendas hoxe desocupadas elevando a ocupación ao 88% do parque edificado; implicará a recuperación de 28 edificios o ano; e o custo, entre investimento público e privada, será de 71 millóns de euros”, subliñou Fernández Prado.
. Traballo técnico exhaustivo. Fíxose unha análise exhaustiva dos ao redor de 1.700 edificios do ámbito (dos que 1.093 están catalogados) que permitiu contar cunha cartografía actualizada e exacta da situación real.
. División do ámbito en 6 zonas (Cidade Vella, Peixaría Norte, Peixaría Sur,
Ás Atochas-O Derrubamento, Ensanche e Áreas Urbanas Renovadas) segundo as súas propias características.
. Accesibilidade e visibilidade da Cidade Vella. Un dos principais obxectivos é conseguir que a parte histórica da cidade sexa máis accesible para os cidadáns e máis visible para os visitantes, integrándoa na cidade.
. Mellora de espazos públicos e recuperación de soares e edificios baleiros. Hai un 18% de vivendas baleiras, ademais de edificios en mal estado e soares abandonados.
. Reactivación económica da zona. “A área que comprende o PEPRI coincide co centro de actividades e de negocios da área metropolitana, sen que se nos esquece o uso residencial, uso maioritario e referente de toda a zona histórica. A revisión do plan pretende combinar e flexibilizar ese uso residencial co terciario e outros usos complementarios ou alternativos que sirvan para facer máis atractivo o ámbito e para reactivar a economía”, engadiu Fernández Prado.
O Goberno local, de forma paralela á tramitación do documento, puxo en marcha unha serie de iniciativas vinculadas a este espazo da cidade na liña na que vai o PEPRI e tendo en conta demandas veciñais que xurdiron das distintas reunións. Por exemplo, o centro cívico para a Cidade Vella; a primeira fase da peatonalización do casco histórico; subvencións para fachadas e cartelería; o Plan de Murallas ou o ascensor de Capitán Troncoso.
“É unha ferramenta moderna, flexible, aberta e froito do maior grao de participación e consenso posible. Teño total confianza en que esta nova ferramenta máis actualizada e acorde ao novo PXOM permitirá frear a perda patrimonial da última década e devolver ao ámbito o seu protagonismo e o seu lugar. É unha peza clave e estratéxica da cidade para devolverlle a centraliade metropolitana e para recuperar a nivel social e económico o principal centro de negocios da área metropolitana e de Galicia”, concluíu Fernández Prado.
MOCIÓNS
Na primeira sesión plenaria deste ano, a Corporación local tamén aprobou dúas mocións: a primeira, presentada polo grupo municipal do PP, para apoiar os traballadores de Hewlet-Packard (HP) que prestan servizos a Abanca e instar á entidade bancaria e ás empresas HP e Prosegur, como nova adxudicataria, a que abran vías de diálogo para garantir o emprego e os dereitos dos traballadores; e a segunda moción, por iniciativa do PSOE, para solicitar ao Goberno central que garanta o acceso ás novas terapias para os enfermos de hepatite C e á Xunta que adopte medidas necesarias para que a terapia, cos novos fármacos, se dispense nas farmacias hospitalarias.