O rexedor boqueixonés puxo de manifesto a importancia de concienciar sobre esta problemática e sobre educar en igualdade
A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu esta tarde a II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller.
Esta cita, organizada polo CIM de Boqueixón, contou con testemuños, audiovisuais, música, literatura e arte. Dadas as actuais restricións sanitarias actuais para previr a propagación da COVID-19, só puideron asistir 30 persoas a esta actividade, se ben a actividade se transmitiu en streaming a través da canle de YouTube do Concello.
O alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, inaugurou esta xornada xunto coa directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales. O rexedor incidiu na importancia de desenvolver actividades deste tipo, xa que “contribúen a concienciar sobre esta problemática”, ao tempo que puxo de manifesto que “para erradicar a violencia contra a muller da nosa sociedade é fundamental educar en igualdade”.
Pola súa banda, Cristina Carbajales explicou a motivación desta II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller. “Organizamos un programa específico no que queremos abordar, desde distintos puntos de vista, esta temática”, afirmou. Neste senso, agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta iniciativa.
Tras a primeira actuación de As Efémeras (a cuarteto), que interpretaron a peza Rosalía tan amiga, con letra de Ana Romaní e música de Berto Covelo, deuse paso á primeira das ponencias. As relatoras foron as integrantes da Asociación Berenguela pola Igualdade, de Vedra. Bárbara Penas e María José Gontaz explicaron o labor que desenvolven dende o seu colectivo a prol de conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia machista. Neste caso, situaron o asociacionismo como un importante espazo de apoio para aquelas mulleres afectadas por esta problemática.
Experiencias en primeira persoa
A continuación, comezou a sección A realidade da Violencia de Xénero, dirixida pola psicóloga do CIM de Boqueixón, Yolanda Neira, que comezou co visionado do audiovisual O meu testemuño, a miña loita. Nel, recóllense as opinións das mulleres que participaron na I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, Saladina Carrillo, Noelia Míguez e Emily Rodríguez Santos. Neste vídeo ofrecen as súas reflexións sobre os beneficios de ter participado na mesa redonda na que expuxeron as súas experiencias, así como as alianzas xurdidas a partir de dito encontro.
A continuación, tomou a palabra Joshua Mateo, fillo maior de Sesé Mateo, asasinada en Chapela (Redondela) pola súa ex-parella en febreiro de 2017. O seu testemuño serviu para dar a coñecer as consecuencias que a violencia machista tivo na súa vida e das que xurdiu a publicación No camiño do Vento. “Non é só un libro de poemas, senón que tamén ten unha reivindicación detrás… Nel tamén se analiza como os medios de comunicación trataron o noso caso e inclúense unha biografía e fotografías da miña nai”, indicou. Esta publicación, da que se editaron 2.200 exemplares, estivo á venda no espazo
literario habilitado para esta xornada e do que tamén se leron uns poemas.
Na súa intervención, Joshua Mateo fixo un repaso á situación que lle tocou vivir tras o asasinato da súa nai. “Tiven que facerme cargo do meu irmán, que é menor de idade, e tamén tiven que lidiar coa reconstrución da casa, que quedou desfeita tras o asasinato”, explicou. Unha complicada situación na que tivo “moitísimo apoio do pobo de Redondela”.
A partir daí, iniciou a súa particular loita contra a violencia machista, intervindo en distintos foros (chegando incluso ao Senado ou a Parlamento Europeo en Bruselas). Informático de profesión, vén de dar un xiro á súa carreira para centrarse no estudo da Igualdade de Xénero. “Na actualidade, estou traballando, xunto co Concello de Redondela, na creación dun protocolo de actuación específico ante casos de orfandade por asasinatos por violencia machista. Toda a situación que me tocou vivir quero deixala plasmada nun documento para que, se por desgraza volve a pasar, eses menores estean protexidos e as súas familias ou persoas que están ao seu cargo saiban exactamente que poden facer, como o poden conseguir e, sobre todo, que poidan chorar a perda sen ter que estar nunha voráxine de burocracia”.
Outro dos proxectos nos que está a traballar Joshua Mateo é “un premio xornalístico, que pretende salientar as boas prácticas nos medios de comunicación en relación á informacións sobre violencia de xénero. Queremos poñer en valor a importancia da igualdade e a perspectiva de xénero en todas as informacións”, concluíu.
Como peche a este bloque temático, As Efémeras (a cuarteto) interpretou a peza As túas mans, con letra de Sesé Mateo e música de Olga Nogueira. Presentación do audivisual Vacínate contra a desigualdade
A II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller contou tamén coa presentación do audiovisual Vacínate contra a desigualdade, un documental duns 20 minutos promovido de xeito conxunto polos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. Neste vídeo participaron tanto crianzas como maiores dos tres municipios –oito, no caso de Boqueixón- e nel búscase reflexionar sobre os estereotipos e roles de xénero, que son a base de toda desigualdade.
A clausura da xornada correu a cargo de As Efémeras (a cuarteto), que interpretou Rancheira pa sobrevivir, con letra e música de Olga Nogueira. A maiores, ofreceuse a exposición Corpo Ceibe, da artista de Touro Sara Naveiro Mirás, e tamén estivo presente o Photocall pola Igualdade do CIM de Boqueixón baixo o lema As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular.
Esta xornada organizada polo CIM de Boqueixón con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25-N) conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.