No acto, acontecido na cidade deportiva, destacouse a colaboración brindada polo Concello de Ordes para iniciativas formativas no eido deportivo
Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade, clausurou esta pasada fin de semana o curso de monitor de fútbol base nivel 0 que se desenvolveu dende o pasado mes de novembro. En total ofertáronse 35 prazas con máis 65 horas de formación teórica e práctica, que lles propicia a posibilidade de expedir a licenza federativa obrigatoria a partir da vindeira tempada, e a validación do bloque de prácticas do nivel 1 do curso federativo.
Regos fixo público o seu agradecemento á Federación Galega de Fútbol “por pensar en Ordes para levar a cabo este curso formativo básico para adestradores”. Tamén manifestou a súa “disposición para acoller novos cursos deste tipo, ou calquera iniciativa formativa no ámbito do deporte”, ademais de felicitar a Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores, “polo gran traballo que está a realizar”. Unhas palabras que tiveron eco en boca de Mosquera, que tamén sinalou as facilidades e a boa sintonía que o ente que preside mantén co Concello de Ordes, “á hora de levar a cabo iniciativas deste tipo”.
Este encontro foi o primeiro ao que acudía o novo vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luís Villamisar. Nel destacou a importancia que ten a formación dos máis pequenos, “xa que os monitores van a extensión dos pais, e todo o que lles poidan ensinar vai ser vital na súa formación como persoas”.