Saturday 16 de November de 2024

Preto de cen deportistas soben este domingo ao tatami para disputaren o XXI Trofeo Teresa Hererra de Judo


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, subliñou o compromiso do Concello cos deportes mal chamados minoritarios como o judo, que ten moito recoñecemento na cidade grazas ás entidades que traballan coas bases.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou hoxe en María Pita o XXII Trofeo Teresa Herrera de Judo Sector Oeste Campionato de España Absoluto Sénior Masculino e Feminino que este domingo, a partir das 9.30 horas, se realizará no polideportivo municipal do Barrio das Flores.
Trátase dunha proba clasificatoria para a fase final do Campionato Nacional Absoluto de Judo masculino e feminino en que participan preto de cen deportistas e que debido ás restricións sanitarias se retransmitirá vía streaming, a través da web da Federación Galega de Judo https://www.fgjudo.com/

Durante o acto, a concelleira subliñou o compromiso do concello cos deportes mal chamados minoritarios como o judo, que ten moito recoñecemento na cidade grazas ás entidades que traballan coas bases, “mais que aínda teñen por diante un gran camiño e ás que lles debemos dar maior visibilidade e apoio desde todos os sectores”. Martínez agradeceu a dedicación das federacións de judo e o traballo que realizou o persoal técnico municipal para pór en marcha este evento. “Un torneo en que os preto de cen deportistas que subirán ao tatami non poderán recibir o caloroso aplauso das persoas afeccionadas, pero si todo o seu recoñecemento e apoio”, recalcou.

E, por último, desexoulles moita sorte ás e aos deportistas, e ao resto das persoas participantes que gocen da cita deportiva e dunha gran fin de semana de convivencia na cidade.

No acto tamén estiveron o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas; o vicepresidente da federación, Eduardo Galán; a deportista Candela Fernández e o delegado de Deportes da Xunta, Roberto García. Mario Muzas agradeceulle ao concello o seu apoio e a súa implicación “para poder desenvolver un evento que visibiliza o traballo de moitas e moitos deportistas nun momento moi complicado”.