A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir a declaración ambiental estratéxica favorable do documento, polo que o Concello poderá seguir avanzando de cara á súa aprobación definitiva
A Xunta de Galicia acaba de formular a declaración ambiental estratéxica (DAE) favorable do plan parcial polo que se prevé desenvolver o sector SUD-6 Alsina-Lamastelle, no Concello de Oleiros (A Coruña).
Con este trámite dáse por finalizada a tramitación ambiental do plan, e poderá seguir avanzándose de cara á súa aprobación definitiva.
Trátase dun sector de solo urbanizable contemplado no PXOM de Oleiros con capacidade para un total de 374 vivendas, en parte colectivas e en parte unifamiliares, 316 prazas de aparcamento, sistema viario que manterá o tratamento de zona verde con conexión peonil, reserva para equipamentos e espazos verdes.
O plan parcial foi aprobado inicialmente polo pleno do Concello de Oleiros en abril de 2018 e remitido, xunto con toda a documentación pertinente, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático en setembro deste ano, co obxecto de que o organismo autonómico formulase a declaración ambiental estratéxica.
Ao longo da tramitación do plan parcial, que se someteu ao procedemento de avaliación ambiental ordinario debido aos seus posibles efectos sobre a paisaxe e sobre un ben catalogado como de protección integral no PXOM, o plan orixinal foise modificando, adaptándose aos criterios sinalados e aos informes sectoriais recibidos para corrixir os impactos identificados nas distintas variables tidas en conta.
Grazas a estes cambios, o documento que finalmente presentou o Concello para DAE incorpora melloras ambientais importantes, como a modificación do trazado do viario para separalo da Finca Alsina (ben protexido), ampliando a zona verde e unha maior adaptación á topografía do terreo.
Por todo isto, a DXCASCC resolveu formular declaración ambiental estratéxica favorable ao plan parcial do sector Alsina-Lamastelle. Non obstante, co obxecto de mellorar a sostibilidade ambiental deste plan, establece unha determinación que deberá ser incorporada polo promotor do mesmo.
Deste xeito, deberá garantirse que o conxunto da ordenación respecta de forma óptima a topografía do terreo e que se asegura unha adecuada transición topográfica dos espazos libres no borde leste do ámbito, reducindo no posible a altura dos abancalamentos e establecendo as medidas oportunas para a integración paisaxística dos muros de contención.
Esta resolución será publicada nos vindeiros días no DOG e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente; tamén será remitida ao promotor para a súa integración, antes de que o Concello de Oleiros aprobe definitivamente o plan parcial.