Saturday 16 de November de 2024

“Brión Solidario” pon en marcha a novena campaña de recollida de alimentos polo Nadal


A campaña busca completar as achegas alimentarias que o Concello desenvolve ao longo do ano en colaboración co Banco de Alimentos e facilitarlle ás familias artigos dos que habitualmente non se dispón
O Concello de Brión pon en marcha por noveno ano consecutivo a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, unha iniciativa que busca recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha campaña que conta co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión, así como do Banco de Alimentos, ao longo de todo o ano pero que coa chegada do Nadal mesmo intensifican a súa colaboración.
Así, todas as persoas e entidades que desexen colaborar nesta nova edición poden achegar alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados, especialmente azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene persoal. Así mesmo, dende os Servizos Sociais de Brión lembran que tamén son ben recibidos o aceite, o leite, a pasta, o arroz ou as galletas.
As achegas poden entregarse dende hoxe e ata o remate do Nadal nos distintos departamentos municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) ou no supermercado Froiz de Montebalado. Tamén existe a posibilidade de entregar un donativos en metálico ben na Tesourería Municipal do Concello de Brión ou ben a través dun ingreso na conta do Concello en Abanca de Montebalado. En ambos os dous casos, a persoa ou entidade doadora recibirá o correspondente xustificante de ingreso.
O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, explica que que “a campaña lévase a cabo en torno ao Nadal para así poder completar as entregas que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano en colaboración co Banco de Alimentos. Deste xeito, buscamos achegarlle ás familias que o precisen aqueles artigos dos que habitualmente non se dispón. Vivimos tempos complicados, pero estou convencido de que volveremos a contar cunha gran colaboración veciñal un ano máis”.
Rede Brión Solidario
Así mesmo, Pablo Lago aproveita para “amosar o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas e entidades que colaboran ao longo de todo o ano na Rede Brión Solidario”. Unha rede que cubre outras necesidades básicas como roupa, calzado, farmacia, mobles… Máis dun cento de familias se teñen beneficiado desta rede de axuda. Para participar só hai que inscribirse nos Servizos Sociais municipais e deixar un mail de contacto. A este e-mail enviaranse de xeito periódico mensaxes detalladas acerca das necesidades concretas detectadas, mencionando con exactitude que artigo se precisa e en que prazo é necesario cubrir esa necesidade. Se a persoa ten ese artigo e desexa doalo, comunícallo aos Servizos Sociais, de forma que doador e beneficiario permanecen sempre no anonimato.