Friday 22 de November de 2024

Mofa & Befa traerán un espectáculo de clown ó Elma con Dúas pedras no Camiño


Proseguindo con actividades focalizadas na dinamización lingüística, o espectáculo Dúas pedras no Camiño chega ó teatro cine Elma no domingo 22 de novembro, ás 19.00 horas, da man de Mofa & Befa, dous clowns para persoas adultas que foron creados por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo.
Ámbolos artistas, unha referencia da comedia e do coñecido como cabaré literario, levarán á escena un espectáculo antolóxico das pezas míticas que se manteñen na memoria do público: "A aquela obra que viches coa túa nai agora podes leva-lo teu neto."
Ó longo da xira poden mudar algunhas das pezas por requirimento do público ou dos contextos que proporcione o lugar ou o tempo da representación, mais comezará co número titulado Os 33 reiseñores da Porqueira e atrás deste virán aqueles culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema, a escritores inmorredoiros ou as parodias do circo.
O título Dúas pedras no Camiño xoga coas alusións á música popular e a súa filosofía, polo cal lembra que unha pedra no camiño poder ser algo que nos ensine e nos transforme.
O dito espectáculo enmárcase na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende hai un ano a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), adscrito á Concellaría da Normalización Lingüística.
A actividade é de balde e apta para persoas maiores de 12 anos. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se aconsella a reserva previa da entrada a través do teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp. A fin do prazo da inscrición é ás 16.00 horas do propio día do evento.