Corporación aprobou hoxe de maneira inicial a modificación de nove ordenanzas fiscais que entrarán en vigor en 2021 co obxectivo de realizar un repartimento máis xusto das cargas fiscais e de lle baixar os impostos a quen ten menos recursos
A corporación aprobou hoxe de maneira inicial a totalidade das modificacións de nove das ordenanzas fiscais que entrarán en vigor en 2021 co obxectivo “de realizar un repartimento máis xusto das cargas fiscais e de lle baixar os impostos a quen ten menos recursos, en resposta ás directrices da alcaldesa en liña coas necesidades e as demandas da cidadanía”, tal e como explicou o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, que anunciou que o Goberno local lles devolverá aos establecementos de hostalaría o último recibo da taxa de recollida de lixo despois de que a Xunta os obrigase a pechar durante un mes.
O Goberno, indicou Lage, devolverá o recibo durante os días de cesamento de actividade nos sectores afectados, e actuarase do mesmo xeito en posibles peches futuros cos sectores afectados polos ditos peches. Tal e como se anunciou en marzo, o recibo do lixo estase a devolver segundo o solicitan os locais que tiveron que pechar durante o primeiro estado de alarma. As dúbidas sobre o procedemento resólvense no 010 pero, para facilitar as tramitacións, nos vindeiros días enviarémoslles a todas e a todos os hostaleiros e comerciantes un formulario que poderán remitir a través da sede electrónica.
En consonancia con este anuncio, aprobouse a exención da taxa de terrazas durante todo o 2021 para as hostaleiras e os hostaleiros da Coruña, co fin de apoiar un sector que está sufrindo moito, con máis de 2.000 pequenos empresarios/as nunha cidade cunha elevada dependencia do sector servizos. “A facenda municipal non pode deixar de ingresar e recadar pero pode facer un esforzo, tomar decisións e establecer prioridades”, dixo. O voceiro apuntou que o Goberno de Inés Rey entendeu que era prioritario axudarlle á hostalaría, ao igual que se lles está axudando a outros sectores da cidade a través do PRESCO. A moratoria, dixo, achega un grao de area sumado ás axudas que xa lle estamos dando ao sector para aliviar en parte o golpe económico que está a recibir.
Para Lage é hora de que a Xunta, cun orzamento de 9 mil millóns euros e coas competencias, lle axude á hostalaría, “algo que o concello vén realizando desde maio. Sería bo que tomasen nota das decisións que levou a cabo o Concello da Coruña desde hai meses. Toda axuda será pouca”.
Sinalou que a proposta recolle unha reforma substancial de taxas e tributos locais e que se busca que as cargas fiscais caian en quen dispón de máis ingresos e que sexan máis leves para as persoas que teñen menos. “Unha sociedade máis xusta é a sociedade capaz de xerar riqueza e de distribuíla para ser máis igualitaria”, dixo ao tempo que lembrou que en tempos difíciles hai que deixar de lado a demagoxia e non falar dos recursos económicos con lixeireza.
As rebaixas nas taxas e tributos, dixo, suporán para o concello deixar de ingresar 680.911 euros ao ano, mentres as subidas supoñen 31.912 euros máis. “Así, a baixada de impostos implicarán unha perda estimada de 648.999 euros na recadación municipal”, especificou Lage.
Destacou que “ingresar menos supón prestar menos servizos pero o Goberno de Inés Rey asume realizar un esforzo cunha rebaixa de máis de 150.000 euros na recadación municipal prevista para o próximo exercicio ao adoptar unha serie de bonificacións, incluída a moratoria as terrazas da cidade pensando en lles axudar ás persoas autónomas e ás traballadoras e traballadores que poden ver en risco os seus postos de traballo.
ICIO
O voceiro tamén reivindicou a importancia da rebaixa ido imposto de construción instalación e obras (ICIO) para actuacións de rehabilitación, total ou parcial, que supoñen unha posta en valor da zona PEPRI. Así, quen desempeñe tarefas de rehabilitación en vivendas ou edificios residenciais catalogados nese ámbito pagará a metade da taxa. “Trátase de buscar un incentivo máis para promover a recuperación da zona histórica da cidade”, indicou Lage.
Esta medida ten como finalidade mellorar a calidade urbana do corazón cidade, ampliar o parque de vivenda e contribuír a impulsar o sector da construción capaz de xerar emprego.
“Este concello licitou máis en nove meses que o que fixo durante os anos 2016, 2017 e 2019 o anterior executivo”, recalcou o edil, que asegurou que as cifras non poder ser manipuladas. As modificacións propostas, subliñou, son propostas de calado e buscan, sen dúbida, efectos positivos na economía da cidade, xerar confianza e axudar os actores económicos da cidade para mellorar a situación da nosa cidade; “a riqueza créana as empresas, e este goberno só ten interese en que esta cidade mellore e saia do letargo en que a atopamos”.
INXUSTIZA SOCIAL
O concelleiro de Facenda quixo subliñar que as modificacións tamén supoñen acabar con situacións inxustas como o imposto sobre o valor de terreos de natureza urbana, coñecidos como as plusvalías. Esa rebaixa aplicarase nos casos de herdanza e incluirase un novo tramo de bonificacións que até o de agora non existía e que implicará unha redución de máis da metade do que aboaban até o momento as persoas afectadas por ese imposto.
Coa modificación proposta, A Coruña será, xunto con Pontevedra, “a cidade galega co imposto máis reducido e a única que aplica criterios de renda para ofrecer bonificacións”, explicou o voceiro. Ademais, a ordenanza inclúe a exención total da taxa para casos de execucións hipotecarias e dacións en pago. “Aínda que estes cambios supoñen unha redución substancial dos ingresos municipais, entendemos que nun momento como este é fundamental axudarlles ás e aos que peor o están a pasar”, dixo Lage.
CAIXEIROS
Doutra banda, hai subidas que responden ao principio de distribución da riqueza. Os caixeiros das entidades bancarias con acceso desde as rúas, a partir de 2021 deberanlle aboar máis á facenda municipal. Até agora, pagaban unha taxa anual de 420 euros, 3 veces menos do que se lles repercute noutras cidades españolas. A suba proposta para este ano é dun 50% da taxa. “Ten que pagar máis quen máis ten”, dixo Lage.
SALAS DE XOGO
Pero se hai unha suba que o Goberno local considera necesaria é a das salas de xogo e apostas. Para Lage é coñecida a súa proliferación, en especial en barrios con menores niveis de renda. Deberiamos, sinalou, poder contar cunha lei autonómica que free este tipo de locais pero, mentres tanto, o que podemos facer desde o concello para impedirmos a expansión destes negocios é incrementarmos a recadación por licenzas de apertura deste tipo de negocios cunha subida do 100%”. No caso das salas de xogo, bingos e casinos, pasarían a pagar 1.488 euros fronte os 744 euros que aboan agora.
SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS
Por último, o Pleno deulle luz verde a unha actualización das tarifas do servizo de extinción de incendios, que non ten incidencia na cidadanía, xa que as pagan as compañías aseguradoras, e regulariza a situación alegal en que se atopan as praceiras de Durmideiras, que non aboan a cota polo uso das instalacións. Deste xeito, equipáranse as súas tarifas coas do Mercado de Monte Alto. “Non teñen ningún tipo de afán de recadar, senón de lle dar unha cobertura legal a quen está a desenvolver o seu traballo nun edificio municipal”, finalizou o voceiro, que subliñou de novo que son unhas ordenanzas máis xustas que contribúen a repartir mellor as cargas fiscais entre a cidadanía e axudan a aliviar a situación que viven algúns sectores moi castigados pola pandemia.