Friday 22 de November de 2024

O alcalde concreta co presidente da Deputación a rehabilitación do centro sociocultural de Buño


Pardo presentoulle o proxecto a González Formoso nun encontro que tivo lugar hoxe no pazo provincial.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo unha reunión hoxe co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar diferentes asuntos de importancia para a veciñanza malpicá. No encontro, que tivo lugar no palacio provincial da Coruña, o rexedor presentoulle ao presidente o proxecto para a rehabilitación do centro sociocultural de Buño, un dos principais temas tratados.
Pardo e Formoso concretaron a colaboración entre as administracións para emprender a actuación. Basicamente consistirá na reforma integral da dependencia, que xa conta con 50 anos de vida e necesita unha mellora nas súas prestacións.
A idea é renovar a instalación para ofrecer unha mellor distribución do espazo, novos servizos e maior accesibilidade. Con iso acadarase maior funcionalidade e posibilidades de acoller actividade.
O alcalde destaca que o centro constitúe o principal punto de encontro e de desenvolvemento de actividades para a cidadanía da parroquia. “É o centro de referencia de Buño e por iso queremos impulsar a súa modernización”, apunta Pardo, que agradece a “total disposición” que atopa sempre no presidente da Deputación da Coruña para proxectos de interese xeral en Malpica.
O arranxo do inmoble é esencial para que Buño dispoña dun espazo para unha programación continuada de actos. “Revitalizarase o tecido asociativo da parroquia”, apunta o primeiro edil, que lembra que o edificio foi pasando por diferentes usos na súa historia, como un teleclub, un centro médico, un lugar de actividades deportivas ou de reunión.