Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño destinará máis de 133.000 euros dos seus remanentes a sete proxectos de obras


Unha semana despois de celebrar pleno extraordinario, a corporación local volverá reunirse na tarde deste venres -19.30h.- nunha nova sesión que leva na orde do día tres asuntos: a modificación da ordenanza fiscal da EIM A Rolada para introducir a gratuidade da cota a partir do segundo fillo ou filla, a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo e, por último, unha modificación que incorporará máis de 133.000 euros de remanentes ao orzamento municipal. Ese importe dedicarase a un total de sete proxectos relacionados cos servizos básicos e tamén co mantemento e potenciación das infraestruturas turísticas. O pleno municipal será presencial e, por primeira vez, celebrarase na Casa da Cultura para asegurar a separación interpersoal dos participantes. Como vén ocorrendo nos últimos meses, a sesión celebrarase sen público e emitirase a través de internet.

A razón de celebrar dous plenos con escasos sete días de diferenza non é outra que a recente autorización confirmada polo Estado para que os municipios poidan botar man dos seus aforros sen se preocupar da normativa que lles restrinxe o gasto desde 2012. A liberación deste corsé económico coñecíase desde hai semanas a través dos medios, pero o Goberno central non chegou a publicalo no Boletín Oficial do Estado. A ausencia desa publicación motivou dúbidas desde o punto de vista da seguridade legal e administrativa que levaron a moitos concellos -entre eles o noso- a agardar a que a medida se reflectise no BOP ou a que o Ministerio de Facenda a comunicase de maneira oficial, algo que se produciu hai tan só uns días.

Outro factor determinante que xustificaría a convocatoria dun novo pleno é que antes de dispoñer dos remanentes de tesouraría foi necesario aprobar de maneira definitiva a Conta Xeral de 2019 (fíxose na sesión do xoves pasado) posto que nela se reflicte a canto ascenden os recursos propios dispoñibles. A contía sitúase por riba de 1,6 millóns de euros e agora o Goberno local propón incorporar 133.692,27€ dese total ao capítulo de investimentos do orzamento en forma de crédito extraordinario.

Con este importe financiaríanse sete proxectos que atenden á mellora de servizos básicos e tamén a iniciativas que se tiñan en carteira e que estaban en espera de financiamento propio ou alleo. Así, está previsto dedicar algo máis de 33.000 euros á ampliación da rede de auga e 5.000 á instalación dun sistema de bombeo no Camiño Arriba. Outros 39.000 euros destinaranse a un plan extraordinario de reparación de pistas municipais. Cerca de 10.000 resérvanse para un sistema de control a distancia da potabilizadora da Agra de Arriba.

Os tres últimos proxectos relaciónanse co patrimonio e coa promoción turística do territorio: 13.000 euros para a restauración do palco da música da Seara, en Ferreira -o único que queda no municipio e dos poucos que perviven na comarca en estado orixinal-, 15.000 para o acondicionamento da senda do Castro e do miradoiro de Racamonde, e 18.000 para a construción dunha área de descanso e estacionamento de autocaravanas preto do paseo fluvial.

Outros asuntos do pleno
As outras dúas cuestións que se deliberarán e votarán na sesión céntranse, por unha banda, na modificación da ordenanza fiscal reguladora da escola infantil municipal, de cara a introducir a gratuidade da cota a partir do segundo fillo ou filla. Por outra banda tamén se votará a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo do Concello, previo debate das alegacións ao documento presentadas polo PP.