O equipo deste departamento mantivo reunión cos representantes de diferentes organizacións ao Longo dos últimos meses/ No marco do Plan de Reactivación desenvolvéronse numerosas accións de dinamización
A concellaría de Turismo do Concello de Padrón vén de presentar unha memoria na que resume as conclusións das accións realizadas no marco do Plan de Reactivación dos sectores turísticos e comerciais e das propostas trasladadas por diferentes axentes sociais durante as entrevistas que a concelleira mantivo con estes. Trátase dun documento que servirá de punto de partida para novas iniciativas que se desenvolvan no futuro para insistir na promoción turística de Padrón.
Lorena Couso, concelleira de Turismo, incidiu na necesidade de dar voz aos diferentes axentes implicados, posto que “colaborar enriquece sempre a ambas partes, e consideramos que esta é unha gran oportunidade para mellorar e avanzar na promoción de Padrón como un destino de turismo sostible”, apuntou.
Ao longo destes meses a concelleira reuniuse con membros de ASORAPA, Asociación Carballeira, Asociación Cultural San Pedro de Carcacía, Comisión de Festas do Pemento de Herbón, Festexos San Roque da Ponte, Asociación Veciños de Carcacía-Rumille, Asociación Nosa Señora Mercé de Bandín, Asociación Andaina Pro Saúde Mental-Dodro, AMIPA, Convento Franciscano de San Antonio de Herbón, Museo Camilo José Cela, Universidade de Santiago de Compostela, e da Universidade de Vigo. No marco destas conversas saíno propostas como a de convocar concursos para embelecer a vila, organizar máis actividades para públicos infantís, organizar máis visitas teatralizadas, crear accións de street marketing, poñer o foco na comunicación e crear sorteos coas asociacións, levar turismo as zonas rurais, establecer novos roteiros culturais, gastronómicos ou crear itinerarios de economía circular, entre outras.
Plan de Reactivación
O obxectivo principal do Plan de Reactivación é impulsar a economía local, buscando por unha banda dinamizar a vila e atraer máis turismo a Padrón, en diferentes fases -primeiro galegos, e posteriormente de Portugal e comunidades limítrofes-. Para acadar este obxectivo dende a concellaría que lidera Lorena Couso definiron varias estratexias, coma diseñar un plan de sensibilización, un plan de comunicación online e offline e un plan de promoción.
Así, no marco deste programa realizaron numerosas accións entre as que este informe destaca a publicación de información, o contacto cos axentes de interese, a enquisa online entre a cidadanía, o deseño dunha nova imaxe de marca de Turismo, a creación dun marketplace e a creación dunha nova páxina web de Turismo, na que se fomenta a participación e se busca integrar á comunidade local.
Do mesmo xeito, este documento pon o foco sobre o deseño de experiencias como parte do plan de acción relacionadas co Camiño de Santiago, coa Ruta Rosaliana, co turismo deportivo, coa gastronomía, coa natureza e inclúe a proposta de actividades para os días nos que chove, para desfrutar da vila en familia ou para dividir os plans en función da duración da túa estancia.