Friday 22 de November de 2024

Fene implanta o “Bica e arrinca” na Xunqueira, en Centieiras e na Jorge Juan


O pintado das zonas de parada pretende desconxestionar o tráfico á hora de entrada nos centros de ensino
Persoal do departamento municipal de Servizos ultima estes días o pintado das novas áreas “Bica e arrinca” deseñadas polo Concello para mellorar a circulación e tamén a seguridade viaria diante dos colexios da Xunqueira, de Centieiras e Jorge Juan. O proxecto busca evitar as aglomeracións de primeira hora da mañá diante destes centros de ensino, facilitándolles ás nais e pais un lugar libre no que parar o tempo xusto e necesario para deixar a rapazada sen necesidade de estacionar nin tampouco de ocupar parte da calzada aparcando en dobre fila. A Concellaría de Seguridade, promotora da iniciativa, agarda que este novo xeito de regular o tráfico faga máis cómodo levar os nenos e nenas á escola e, neste sentido, pídelle ás familias a máxima colaboración para que dea resultados desde xa mesmo.

O “Bica e arrinca” ten como principal finalidade desbloquear os tapóns de tráfico que se producen nos días lectivos entre as 8.30 e as 9.30h. na Avenida do Tarrío -ao carón do CEIP Plurilingüe de Centieiras e do colexio Jorge Juan- e tamén na Avenida do Mar, onde se encontra o CPI A Xunqueira.

As novas áreas de parada que se están pintando estes días marcan o espazo onde os pais e nais poderán deterse para baixar as nenas e nenos, é dicir, tal e como o propio nome indica: parar, darlles un bico, que baixen do coche e inmediatamente reanudar a marcha.

As zonas “Bica e arrinca” -con medidas de entre 11 e 21 metros a ambos lados da estrada- terán esa función de luns a venres en horario de 8.30 a 9.30h., adaptándose ás entradas escalonadas que se viron ampliadas polas esixencias de prevención sanitaria. Polo tanto, os espazos sinalizados deberán estar libres nese intervalo horario durante os días de escola, mentres que o resto do día, nas fins de semana, nos festivos e nos períodos de vacacións o aparcamento si estará permitido sen ningún tipo de restrición.

Desde o Concello insístese, unha vez máis, en que as liñas “Bica e arrinca” non son un aparcadoiro reservado, senón o sitio ao que arrimar para que as nenas e nenos poidan baixar do coche. Por este motivo “é moi importante a colaboración das nais e pais. Parar, bicar e baixar. Así evitaremos atascos puntuais e ordenaremos a entrada nas escolas eliminando dobres filas e deixando o máis libre posible as marxes da estrada nun momento no que hai moito movemento de nenas e nenos”, comenda a responsable municipal de Seguridade, Sandra Permuy.

“Bica e arrinca” forma parte, ademais, do proxecto que o Concello quere implantar para fomentar a autonomía e unha mobilidade infantil segura de ida e volta á escola, similar aos “Camiños seguros” que xa funcionan en Narón.

Neste sentido tamén se aproveitou para remodelar o paso peonil de acceso ao CEIP Plurilingüe de Centieiras seguindo recomendacións da Policía Local. O novo paso ergueuse até a altura da beirarrúa e moveuse uns metros para arredalo do acceso principal ao recinto. Desta maneira mellora a visibilidade tanto para os condutores como para a rapazada, ademais de evitar que a cativería entrase de maneira súpeta no paso peonil tan pronto como saía da escola.