Saturday 23 de November de 2024

A Deputación convoca a cuarta edición dos Premios PEL, que dedicará un premio ás iniciativas innovadoras na loita contra a COVID-19


Repartiranse un total de 75.000 euros en premios destinados a pemes, microempresas, persoas profesionais autónomas, concellos e asociacións empresariais

Hoxe o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica as bases reguladoras da cuarta edición dos Premios PEL, convocados pola Deputación da Coruña e que este ano incorporan unha nova categoría para premiar as iniciativas innovadoras na loita contra a COVID-19.

Uns galardóns xa consolidados, enmarcados dentro da liña PEL-EMPRENDE do Plan de Emprego Local (PEL), que constitúen unha das citas anuais clave do sector empresarial da provincia. O seu obxectivo é o de recoñecer o esforzo e implicación das empresas, das asociacións empresariais e dos concellos da provincia no desenvolvemento económico e na creación de emprego e riqueza.

Nesta convocatoria repartiranse un total de 75.000 euro, con 15.000 euros para cada categoría. Ao éxito na recepción de candidaturas nas pasadas edicións, máis de 230, súmase a gran confluencia de asistentes aos actos de entrega de galardóns, situándoo como un dos premios con maior participación e acollida na escena provincial.

Este ano, debido a excepcionalidade da situación que estamos a vivir, a Deputación ten en consideración dedicar un premio dirixido a aquelas iniciativas innovadoras que, impulsadas tanto por empresas como por concellos, contribúan á loita contra a COVID-19.

“Nun ano como o que estamos a vivir era imprescindible recoñecer o traballo e a implicación que está a ter o noso sector empresarial na loita contra a pandemia” destaca o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Deste xeito, ás cinco categorías que conforman esta nova edición son:

1ª categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial nova.

2ª categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada.

3ª categoría: Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19.

4ª categoría: Premio ao concello promotor do emprego de calidade.

5ª categoría: Premio á mellor asociación empresarial.

Obxecto das categorías

Mellor iniciativa empresarial nova e Mellor iniciativa empresarial consolidada

Son as veteranas, destinadas exclusivamente ao tecido empresarial da provincia. Á primeira categoría poderán presentarse pemes, microempresas e persoas profesionais autónomas que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2019 ou 2020 e sempre con anterioridade á publicación da convocatoria no BOP, mentres que na segunda esixirase que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2015 ou con anterioridade.

En ambas categorías os criterios a valorar serán a orixinalidade do proxecto empresarial, o seu carácter innovador e as medidas de responsabilidade social implantadas, entre outros.

Iniciativa innovadora na loita contra á COVID-19

A principal novidade desta edición radica na terceira categoría, dirixida tanto a empresas como concellos de menos de 20.000 habitantes que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os danos, efectivos e colaterais, ocasionados pola pandemia.

Nesta categoría valoraranse aspectos como o desenvolvemento de proxectos innovadores na loita contra a COVID-19, medidas implantadas para o benestar e seguridade das persoas traballadoras, accións altruístas realizadas relacionadas coa excepcionalidade da situación ocasionada pola pandemia, entre outros.

Concello promotor do emprego de calidade

Na cuarta categoría poderán presentarse concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que impulsen a iniciativa empresarial e o emprendemento, promovan a xeración de emprego de calidade e contribúan a evitar o despoboamento do rural.

Nesta categoría valoraranse aspectos como a xeración de emprego, a inclusión de colectivos en risco de exclusión social, o fomento do traballo colaborativo e a poboación do municipio, entre outros.

Mellor asociación empresarial

Á quinta categoría poderán presentar as súas candidaturas as asociacións, agrupacións e federacións de empresarios/as da provincia da Coruña.

Nesta categoría valoraranse aspectos como os servizos ofertados pola asociación, as actividades e proxectos postos en marcha pola mesma, os logros acadados, entre outros.

Requisitos para participar

Non se admitirá máis dunha candidatura por entidade e categoría, coa única excepción de que os concellos poderán presentar candidaturas á terceira e cuarta categorías.

A participación será gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel: https://sede.dacoruna.gal/subtel/

Cada entidade candidata presentará unha memoria de candidatura, que deberá respectar a estrutura indicada nos criterios de valoración relativos á categoría que se presenta e non poderán exceder das 7 páxinas. Na memoria deberá incluírse, con carácter obrigatorio, o enlace a un vídeo de candidatura, aloxado en calquera plataforma dixital de reprodución de vídeo ou na propia web corporativa, gravado en formato horizontal, cunha resolución mínima de 1080 píxeles e de duración non superior a 3 minutos.

O prazo de presentación de candidaturas ao Premio abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP e estará aberto ate o 8 de xaneiro as 14:00. A mera presentación das candidaturas en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

Pode consultar as bases e a convocatoria no BOP nº 191 de 11 de novembro de 2020 e na páxina web do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial:

https://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-2-pel-emprende/premio-provincial-mellor-iniciativa-empresarial/