Friday 22 de November de 2024

Unha exposición en liña de pezas do obradoiro de Arteterapia da asociación Andaina Pro Saúde Mental abre o III Festival Brión Inclúe


A programación desta terceira edición combinará actividades en liña e presenciais, para as que será obrigatorio reservar praza no teléfono da Casa da Cultura: 981 509 908

Unha exposición en liña de pezas do Obradoiro de Arteterapia da Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Ordes) abriu esta mañá a terceira edición do Festival Brión Inclúe, unha iniciativa que busca a inclusión real de persoas con discapacidade e que terá lugar entre o 9 e o 21 de novembro. Unha programación organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva Sociedade Cooperativa Galicia, subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña e cofinanciada por GADIS e FROIZ.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, destaca “a importancia de manter un ano máis esta iniciativa, que busca dar un paso máis adiante cara esa cultura libre de barreiras que queremos e desexamos todos e todas. Unha edición que estará marcada pola situación sanitaria actual, polo que adaptamos os horarios e a programación para facilitar a participación dos distintos colectivos e poremos especial atención ás medidas de seguridade”.
Por iso, esta terceira edición de Brión Inclúe combina unha parte en liña, como é a exposición das pezas da Asociación Andaina PSM, con actividades presenciais para as que haberá que reservar entrada previa chamando ao teléfono 981 509 908, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Así mesmo, non haberá exposición/venda de produtos das entidades participantes nin actuacións nos centros escolares brioneses, que tan boa acollida tiveron na pasada edición.
Programación
A exposición que deu comezo hoxe ao III Festival Brión Inclúe poderá seguirse a través das redes sociais do Concello de Brión. Trátase dunha selección de pezas do obradoiro de Arteterapia que desenvolve a asociación Andaina PSM. “Llevan dentro un artista y sólo les damos las herramientas para que nos puedan mostrar las cosas que saben hacer y hacen muy bien, pero que nadie se entera porque nunca llega a la gente”, explica Omaira Tuirán Ruíz, profesora destes obradoiros en Andaina PSM.
A primeira das actividades presenciais será “Falar a mans cheas”, un novo contacontos inclusivo de Vero Rilo que terá lugar o xoves 12 de novembro, ás 18:00 horas, na sala de exposicións municipais. A música de Experimenta Danza e Human Dance Project completarán a programación desta semana o sábado 14, ás 20:00 horas, no auditorio do centro social polivalente.

Para o luns 16 de novembro quedan os Pallasos en Rebeldía, un espazo do teatro galego que traballa a solidariedade internacional e a fraternidade entre os pobos a través da risa e do arte.
Será ás 11:00 horas no auditorio do centro social polivalente. O venres 20 de novembro, ás 18:00 horas, a sala de exposicións acollerá un novo contacontos inclusivo: “Unhas gafas como as do avó”, de Caxoto e Gema Santos. O III Festival Brión Inclúe pecharase o sábado 21 de novembro, ás 20:00 horas, no centro social polivalente co espectáculo “Arte-Homo- Natura”, da Compañía 5S, grupo multidisplinar de arte inclusivo, danza, teatro e música que leva participando no Brión Inclúe desde o seu inicio.