O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá e finalizará o 25 de novembro.
O Concello de Cariño destina 60.000 euros a maiores do PEL – Reactiva da Deputación dá Coruña para lanzar un ambicioso plan de axudas a autónomos e microempresas que conta cun orzamento total de 112.000 euros e que ten como obxectivo sufragar os gastos ocasionados polas consecuencias derivadas da COVID-19.
O goberno local decidiu aumentar con fondos propios a achega do 20% que lle correspondía para cofinanciar este plan e facelo aínda máis ambicioso dotándoo de máis orzamento.
As axudas poderán solicitarse desde mañá, martes 9 de novembro, ata o próximo 25 de novembro ás 14 horas. Os interesados ou interesadas poden realizar os trámites a través da sede electrónica municipal
( https://sede. concellodecarino. gal/ opencms/ gl/ procedimientosytramites/tramites/ Soli citudAyudasPelReactiva), onde atoparán toda a documentación a cumprimentar.
Poderán participar nesta convocatoria os autónomos, autónomas e microempresas con domicilio fiscal no Concello de Cariño, que se visen afectadas polo peche do seu negocio durante o estado de alarma, así como aquelas que visen reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acollesen a un ERTE como consecuencia da situación de crise sanitaria orixinada pola COVID-19.
As subvencións, compatibles con outras prestacións supramunicipais, oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos/ as que conten cun cadro de persoal de entre 6 e 9 traballadores/ as.
Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de paneis de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como a gastos correntes de subministracións e auga, luz, gas, etc.