Na provincia de Lugo a centola permanecerá en veda ata o 29 de novembro, día incluído
A Consellería do Mar abre mañá a campaña extractiva da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra. Nas áreas que van da Guarda ata cabo Corrubedo (na provincia de Pontevedra) e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña), a frota que se dedica á extracción destas especies pode calar os aparellos a partir da próxima madrugada e levar as especies á lonxa mañá luns.
A campaña destes crustáceos nestas dúas provincias prolongarase ata o inicio da veda do ano 2021, que se fixará a través do correspondente plan de xestión. No caso da costa que vai de cabo Estaca de Bares ata o río Eo -incluíndo a ría do Barqueiro-, na provincia de Lugo, a campaña iniciarase o 30 de novembro.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base nesta comunidade así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.