A iniciativa, que se levará a cabo entre o luns e o martes, desenvolverase na aula multimedia da casa do concello deste municipio coruñés
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebra entre mañá e o martes en Abegondo unha xornada técnica sobre o control de pragas e enfermidades en froiteiras. A acción, organizada pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Cambre no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego 2020, terá lugar na aula multimedia da casa do concello deste municipio coruñés.
A iniciativa, que se impartirá en horario de mañá e tarde, contará cunha duración de 15 horas e media. Primeiramente, nas xornadas abordarase o funcionamento do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia no relativo ao recoñecemento de pragas e enfermidades en froiteiras, así como o uso do material xenético autóctono polos fruticultores canto á rastrexabilidade sanitaria e de produción.
A maiores, na xornada tratarase o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR), nocións de agrometeoroloxía, o manexo de pragas agrícolas e os avisos fitosanitarios en fruticultura da Consellería do Medio Rural, aludindo ás principais pragas e enfermidades que afectan as maceiras. Así mesmo, falarase das oportunidades para o emprendemento agrario existentes na Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, ademais de coñecer polo miúdo a Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), así como as cooperativas Cabrinfolla e Ullama, dedicadas ao cultivo de mazá.
O principal obxectivo do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego é impulsar o desenvolvemento das actividades de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios e á implementación dos coñecementos dos agricultores, gandeiros, silvicultores, representantes da industria agroalimentaria e de persoas que traballan no sector primario ou de primeira transformación
Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agropecuario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. Para iso, abórdanse temáticas relacionadas coa reordenación das producións, o emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e a protección do medio.
Con esta formación promóvese que o sector agropecuario e silvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se busca que as granxas sexan respectuosas co medio ambiente e resistentes ao cambio climático, traballando con sistemas de produción que vaian en harmonía cos recursos naturais.