Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia promociona a oferta turística galega e o Camiño de Santiago no principal certame turístico de Irlanda


A afinidade do público irlandés e o interese deste polos recursos turísticos galegos, sobre todo os relacionados coa natureza, fan desta feira unha plataforma perfecta par promover o destino turístico Galicia

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, promoveu esta fin de semana en Irlanda a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago na feira sectorial Holiday World Show, en Dublín.

Trátase do principal certame turístico de Irlanda que este ano celebra a súa XXV edición, nunha contorna especialmente afín a Galicia.

Así, a afinidade do público irlandés e o interese deste polos recursos turísticos galegos, sobre todo os relacionados coa natureza, así como o Camiño de Santiago, fan desta feira unha plataforma perfecta par promover o destino turístico Galicia.

Irlanda, no Camiño de Santiago
Nesta edición, Turismo de Galicia fará especial fincapé na promoción do Camiño de Santiago entre os cidadáns irlandeses, xa que máis de 5.000 peregrinos desta nacionalidade fixeron a Ruta xacobea o pasado ano.

Deste xeito, Irlanda foi o sétimo país do que máis turistas recibiron a Compostela en 2014, tras Francia, Estados Unidos, Portugal, Alemaña, Italia e España.

Por outra parte, Turismo de Galicia promove estes días no Carrousel do Louvre, en París, a oferta termal de Galicia, dentro da feira Thermalies na que a Xunta conta cun stand propio para difundir os valores termais galegos.

Nesta feira, participa tamén xunto a Turismo de Galicia a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia (AEITEGAL) que conta cun espazo propio para intermediar directamente co público que asista estes días de feira.

Dentro da programación dos certames turísticos nos que participará Turismo de Galicia este mes de xaneiro salienta a Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR 2015, na que o departamento de promoción turística da Xunta de Galicia terá un protagonismo especial con máis de 30 presentacións da oferta turística galega.