Inés Rey: “Estas visitas non só permiten ampliar o nivel de actividade divulgativa dos museos, senón que demostran que están preparados para incorporar novos formatos máis alá das necesidades derivadas da actual situación”
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrrae desenvolveron un conxunto de actividades para os grupos escolares que desexen visitalos e gozar das súas experiencias sen saír da aula. As visitas virtuais, que se realizarán a través dunha aplicación de videoconferencia, permitirán ademais interactuar coa aula a través do vídeo ou do chat. As actividades están abertas a todos os centros educativos de España, aínda que se lle dará prioridade os colexios da cidade.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que nestes momentos de restricións os museos científicos, emblema da divulgación científica na cidade, poñan en marcha unha iniciativa pioneira que permitirá as e os escolares de toda España seguir gozando da ciencia. “Estas visitas virtuais non só permiten ampliar o nivel de actividade divulgativa dos museos científicos municipais, senón que demostran que están preparados para incorporar novos formatos que son aposta a longo prazo, máis alá das necesidades derivadas da actual situación”, engadiu.
“Temos claro que os mc2 funcionan como atractivo para o turismo, pero iso non significa que perdamos de vista a súa función esencial, que é educativa e de moita relevancia nestes tempos nos que se está demostrando que a aposta pola ciencia supón un eixe vital como sociedade. Na Coruña entendeuse desde hai décadas ao crear a rede municipal de museos científicos e así seguirá sendo moitas máis” subliñou.
A Domus ofrece un completo programa de talleres que inclúen diseccións en directo de corazón, de ollo e de flores, así como visitas virtuais á exposición sobre nutrición, acompañadas de xogos interactivos e experimentos.
No Aquarium Finisterrae haberá visitas guiadas á sala Maremagnum, deténdose nos ecosistemas mariños dos grandes acuarios, e na vida intermareal da Charca das Caricias. Tamén haberá unha visita á sala Nautilus, onde se poderá coñecer aos peixes de maior tamaño que nadan alí, como as quenllas, corvinas, douradas, robalizas e meros, así como os bancos de cabalas e xurelos.
Doutra banda, os grupos que elixan a Casa das Ciencias poderán descubrir, realizando unha conexión en liña desde a exposición «Puro Swing», os experimentos con péndulos de Galileo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia. Unha oportunidade para comprender o secreto do botafumeiro, mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos e aprender a facer maxia con varios péndulos axustados.
Estas visitas virtuais serán gratuítas para todos os grupos escolares que as soliciten, e estarán dispoñibles para todos os niveis educativos.
Toda a información e os formularios de solicitude de visita están nesta dirección: https://www.coruna.gal/mc2/gl/visitas-escolares