Friday 22 de November de 2024

A Xunta activa este martes as axudas para a implantacion de caldeiras de biomasa que permiten aforros económicos de máis do 50%


Os apoios poderán solicitarse a través da páxina web do Inega –www.inega.es- contando os beneficiarios cunha dedución do 5% na súa declaración da renda

Xunta de Galicia segue a avanzar no desenvolvemento da Estratexia Integral de impulso da Biomasa Forestal. Neste contexto, o DOG publica a nova orde de apoios para a instalación de caldeiras de biomasa, abríndose o prazo de presentación de solicitudes o vindeiro martes día 27. Os interesados poden solicitar a axuda na web do Instituto Enerxético de Galicia, www.inega.es. A liña, dirixida ao ámbito rural e da que poden beneficiarse fogares, empresas e administracións públicas, mantén o compromiso orzamentario do 2014 ao contar cun investimento de 9,3 millóns. Deste xeito, aspírase a incrementar a demanda de equipos térmicos que empreguen a biomasa como combustible, obtendo aforros económicos superiores ao 50%.

Como novidade, os beneficiarios das axudas para a compra destas caldeiras contarán este ano cunha dedución do 5% na súa declaración da renda, unha bonificación fiscal que pretende fomentar a instalación de equipos de climatización ou auga que empreguen fontes renovables.

A través deste programa prevese a implantación de arredor de 1.000 novas caldeiras, con apoios que poden chegar ata o 75% do custo do proxecto cun máximo de 200.000 euros. Deste xeito, mobilizaranse 20 millóns de euros promovendo o emprego de equipos con claros beneficios ambientais e económicos.

Non en van, unha caldeira de biomasa diminúe en preto de 700 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasóleo, cifra que se sitúa en case 13.000 euros no caso dun edificio do sector servizos que instale unha caldeira con capacidade de abastecer a súa demanda térmica, e aos 130.000 euros para unha industria.

Trátase da segunda convocatoria dun programa cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e que o ano pasado permitiu a instalación de 400 caldeiras nos fogares galegos, 120 no tecido empresarial da Comunidade, e 80 nas administracións públicas. Estes resultados teñen permitido incrementar o consumo de pellets e estelas en Galicia nunhas 24.000 toneladas, máis do 15% do consumo actual.

A publicación deste programa supón un novo paso na Estratexia Integral de impulso da Biomasa Forestal que está a promover a Xunta, e que comprende outras iniciativas como a certificación da orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega, que levará a cabo Galicia Calidade co obxectivo de garantir a trazabilidade e a calidade deste combustible; a priorización por parte do Igape e da Axencia Galega de Innovación daqueles proxectos que teñen que ver coa biomasa; ou o apoio a unha xestión sostible dos bosques galegos con liñas de mellora para o aproveitamento forestal por parte da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Deste xeito, o Goberno galego aspira a reducir a dependencia enerxética da Comunidade aforrando 70 millóns anuais. Ao mesmo tempo, contribúese á fixación de emprego no rural, coa correspodente mellora socieconómica; configúrase unha industria xeradora de riqueza e profesionalización da xestión forestal; e obtense unha mellor xestión e rendemento dos monte, coa conseguinte diminución no risco de incendios.