Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre o prazo de solicitude das axudas para persoas autónomas e microempresas afectadas pola crise sanitaria


As solicitudes poden empezar a tramitarse desde as 00.00h. deste sábado a través da Sede Electrónica municipal. O prazo remata ás 14.00h. do día 25 de novembro

Desde este sábado xa se poderán solicitar a través da Sede Electrónica municipal as subvencións do Plan Reactiva, cofinanciadas pola Deputación da Coruña e o Concello. A partida total ascende a 36.682,54 euros, que se distribuirán entre as persoas autónomas e microempresas con sede social en San Sadurniño que as soliciten e que, ademais, cumpran os requisitos establecidos nas bases. A contía poderá chegar aos 1.500 euros no caso de traballadoras e traballadores por conta propia e aos 3.000 no caso de pequenas empresas. O obxectivo desta convocatoria é axudarlle ao tecido produtivo local que se vise afectado pola crise sanitaria durante o primeiro Estado de Alarma, ben porque tivesen que pechar, ben por terse acollido a ERTEs ou por ver reducida a súa facturación en máis dun 75% durante o segundo trimestre deste ano. As subvencións poderán xustificarse, entre outros, con gastos para a merca de material de protección, custes de seguros e arrendamentos, alugamentos de locais e outro tipo de gastos fixos que se mantiveron durante todo ese período de parón económico. As axudas poderán solicitarse até as 14.00h. do día 25 de novembro e o trámite ten que facerse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica. Aquelas persoas ou empresas que non saiban -ou non poidan- facelo, poden contactar co Técnico de Desenvolvemento local para que lles bote unha man coa xestión. Cómpre pedirlle cita chamando ao 981 490 027. Tamén se lle pode enviar un correo a ignacio.fernandez@sansadurnino.gal.

Máis en detalle, destas axudas poderán beneficiarse as persoas traballadoras autónomas -con ou sen persoal ao seu cargo- e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que en ambos casos han de estar domiciliadas en San Sadurniño e atoparse nalgún dos seguintes supostos:

Que tivesen que pechar en virtude do disposto no RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o Estado de Alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e a súa modificación aprobada no RD 465/2020, do 17 de marzo.
Que non tivesen que pechar, pero que a súa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos, nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma. Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta os seis meses naturais esixidos para a acreditar a redución os ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o período de actividade.
Que se viran na obriga de acollerse a un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego), nos termos establecidos no RD 465/2020, do 17 de marzo.
Dentro de calquera destes supostos establécense cantidades fixas de axuda, que se reducirán no caso de que os gastos xustificados sexan inferiores:

Para persoas autónomas sen persoal ao seu cargo que tivesen que pechar ou a quen lle baixase a facturación un 75% con respecto ao semestre anterior: ata 1.500 euros
Para microempresas e persoas autónomas con persoal a cargo que tivesen que pechar, acollerse a expedientes de regulación por causa do Estado de Alarma ou que viran reducida a facturación un 75%: poderán obter ata 3.000 euros de axuda. Neste caso hai unha precisión, xa que as contías varían dependendo do número de traballadores ou traballadoras. Se se ten unha persoa empregada, 2.000 euros. Se o número de traballadores e traballadoras está entre 2 e 5, 2.500 euros. Por último, se a micorempresa ou persoa autónoma lle dá traballo a entre 6 e 9 persoas, entón si, a axuda máxima poderá chegar aos 3.000 euros.
Para xustificar estas axudas poderán presentarse facturas ou outros documentos legalmente admitidos correspondentes a gastos efectuados entre o 1 de marzo e o 31 de decembro deste ano. E, dentro deles, hai un amplo abano de conceptos que se poderán meter na subvención: compra de material antiséptico, produtos de hixiene e limpeza, instalación de mamparas de protección, gastos de alugueiro de locais, arrendamentos de maquinaria e vehículos, seguros de responsabilidade civil e tamén outros gastos fixos que se soportasen durante a crise, como son a luz, gas, a subministración de auga ou os combustibles.

Débese ter en conta que a subvención non cubrirá o ive (só se sumarán as bases impoñibles dos gastos). Tamén é moi importante ter en consideración que as axudas municipais serán compatibles coas convocadas por outras administracións. Se se dese ese caso, o importe conxunto das subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o total do gasto efectuado.

Esta convocatoria municipal é resultado do programa da Deputación da Coruña PEL-Reactiva. Trátase un plan cofinanciado entre o ente provincial e o Concello nunha proporción 80%-20% que dispón dunha partida total de 36.682,54€.

As solicitudes poden presentarse desde a medianoite deste sábado 7 de novembro. O trámite hai que facelo obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal. Para axudar ás pequenas empresas e persoas autónomas publicouse unha guía específica con todo o que se debe saber -documentación necesaria, quen pode acollerse, requisitos, contías, gastos que se poderán imputar, etc.- e, ademais, tamén se pode contactar co Técnico de Desenvolvemento local no correo ignacio.fernandez@sansadurnino.gal ou no 981 490 027 para solventar dúbidas.

O prazo de solicitude remata ás 14.00h. do próximo 25 de novembro e, unha vez se concedan as axudas, o prazo de xusticación prolongarase até marzo de 2021.