A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, recordou que no goberno de Inés Rey, a cultura ten que ser apoiada en calquera das súas manifestacións e esta é dunha delas
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá a cuarta edición do Festigual, de Artes pola Inclusión Social, que terá lugar desde hoxe até o 28 de novembro: “Se sempre é importante presentar un festival destas características, nestes tempos o é aínda máis polas circunstancias”. A edila sinalou que esta entrega estará limitada pola capacidade permitida nos espectáculos e pola conseguinte falta de público pero “non por iso será menos importante”. Neira explicou que se tiveron que readaptar para completar unha programación con citas algunhas presenciais e outras por streaming, ligadas á convocatoria de “Cultura Accesible” que ofrece o Concello a través da Fundación Emalcsa, e na que colaboran a Deputación, Vegalsa-Eroski e a Fundación María José Jove. A concelleira recordou que neste mandato de Inés Rey, “a cultura ten que ser apoiada en calquera das súas manifestacións e esta é unha máis”.
Realizaranse eventos nos principais recintos culturais en que se colocará a cultura inclusiva como un elemento máis e, de paso, situarase ao festival na primeira liña deste tipo de actividades. De carácter transversal, Festigual incluirá música, artes escénicas e plásticas e proxeccións audiovisuais.
Ademais, creouse unha páxina web específica, www.festigual.com, a través da que se retransmitirán os eventos previstos mais dúas redes sociais en facebook (https://www.facebook.com/Festigual) e en instagram (https://instagram.com/festigual?igshid=1ce7i3vdxfafp), en que se lles darán difusión.
A cuarta edición comeza hoxe coa exposición fotográfica “Unha mirada á diversidade”, de Óscar Corral, con imaxes colgadas das farolas, que se poderán desfrutar paseando até o 3 de decembro. Así mesmo, pola tarde, Demusicade celebrará un concerto ás 20.00 horas na Domus. E se ben o festival remataba sempre cun fin de festa en que as entidades participantes daban a coñecer o seu traballo con música en directo e unha paragüada na praza de María Pita o día 3 de decembro coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Discapacidade, este ano non vai ser posible. A concentración e a posta en común cambiarase pola proxección en liña da última curtametraxe de Proxecto Máscaras e un concerto de Sisters in the House. Ademais das actividades artísticas, o festival agrupaba outras de especial interese como mesas redondas, encontros ou sesións formativas nos ámbitos do benestar e da creación que se terán que pospoñer.
As entidades beneficiarias este ano do programa Cultura Accesible son Amigos de Belas Artes da Coruña, a Sociedade Filatélica, Poten100mos, Demusicade, a asociación cultural Tres por Cuatro, Mundos sen guerras e sen violencia, a Asociación Diversos, a mostra S8 de cinema periférico, Sen Ánimo de nome,
Proxecto Máscaras, as asociacións cultural Negus e Zalaeta e a Asociación Participa para la inclusión. Ademais, este ano non se valoraron só iniciativas pensadas para persoas con diversidade funcional, senón que tiveron en conta tamén os colectivos en risco de exclusión social: “A integridade conséguese de moitas maneiras, o deporte é unha delas e a cultura adaptada tamén. Trátase de derrubarmos barreiras a través da expresión artística”. Neira agradeceulles a todas as institucións a súa capacidade de se reinventaren neste momento complexo:
“Destes todas unha mostra de que con enxeño sodes capaces de estar por riba de calquera situación”.