A iniciativa consiste en asinar contratos de patrocinio para que cada local programe concertos e eventos, que serán presenciais ou vía streaming, e cos que poidan aliviar a súa delicada situación
O Concello prepara un novo plan de apoio ás salas de concertos, financiado polo Consorcio de Turismo e impulsado pola área de Cultura que dirixe a alcaldesa, Inés Rey. Deste xeito, apoiaranse estes espazos de música ao vivo mediante contratos de patrocinio individuais con cada un deles e cos que se sufragará a realización de concertos e eventos nesta recta final de ano. A intención é que este tipo de negocios, especialmente afectados pola crise sanitaria, poidan terminar 2.020 cun balón de osíxeno co que compensaren as grandes perdas económicas que sufriron derivadas da pandemia. Canto ao procedemento, os locais estarán amparados por contratos de patrocinio, que estarán asinados desde o Consorcio de Turismo.
A iniciativa, que xurdiu de Cultura e da propia rexedora, incluirá unha serie de concertos de aquí a decembro por unha cantidade que aínda está por determinar, pero que, en todo caso, se repartirá segundo as necesidades económicas das salas.
Para a repartición de recursos, terase en conta que as contías lles supoñan a todas elas un colchón ecónomico suficiente como para afrontar o último trimestre. En total, será unha partida de aproxidamente 100.000 euros cos que o Concello axudará a paliar o déficit económico destes meses. Para o Goberno local, este novo plan implicará un esforzo importante e con el, confírmase a súa aposta pola cultura desta cidade que está pasando momentos críticos por mor das restricións marcadas para
frear a expansión do virus.
O Concello suple así a ausencia de implicación no sector cultural por parte da Xunta de Galicia, o que lles está provocando unha perda importante de ingresos á hostalaría en xeral e ás salas de música ao vivo en particular. Esta novidade irá acompañada dun decreto da Concellería de Urbanismo, en que se permitirá a apertura deste locais para a realización dos eventos programados. En caso de non poder organizalos de xeito presencial, este patrocinio daralles a opción de ofrecelos ao público por vía streaming.
O obxectivo da iniciativa é axudar a que sobreviva esta parte viva da Coruña “que non queremos que se acabe coa pandemia”. A prioridade do Goberno de Inés Rey é que a súa colaboración chegue a tempo para aliviar a situación do sector, tanto no referente ás salas de música como ás e aos propios artistas locais e galegos, e desta forma, “seguirmos contribuíndo a parar as consecuencias da crise na cultura”, sinalou a rexedora.