Friday 22 de November de 2024

Camariñas abre o prazo para solicitar as axudas a autónomos e microempresas dotadas de 102.000


Aqueles afectados polas consecuencias económicas derivadas da COVID-19 poderán enviar as solicitudes desde mañá e ata o 25 de novembro.

O Concello de Camariñas abrirá mañá, venres 6 de novembro, e ata o 25 de novembro o prazo para que aqueles autónomos e microempresas do municipio que se viron afectados directamente ao declararse o estado de alarma para conter a expansión da COVID-19 soliciten unhas axudas que contan cun orzamento de 102.516,76 euros.
Poderán acollerse a esta liña de subvencións cofinanciada pola de Deputación da Coruña a través do PEL-REACTIVA aquelas persoas autónomas ou microempresas que cesaran a súa actividade, tiveran unha caída dos seus ingresos do 75% ou que se viran obrigadas a acollerse a un Expediente de Regulación de Empleo Temporal (ERTE).
Os gastos subvencionables son a compra de material desinfectante e de limpeza, seguros, subministros (auga, luz, electricidade, combustible…), adquisición de mamparas, arrendamentos de locais, vehículos, maquinaria… Terá que xustificarse que están realizados desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2020 con facturas e comprobantes de pago.
As axudas irán desde os 1.500 ata os 3.000 euros:
 Os traballadores por conta propia ou autónomos sen traballadores ao seu cargo afectados polo peche ou cunha facturación reducida nun 75% recibirán 1.500 euros.
 Os traballadores por conta propia ou autónomos con traballadores ao seu cargo e microempresas, afectados polo peche ou cunha facturación reducida nun 75% ou que se viran obrigadas a acollerse a un ERTE recibirán 2.000 euros se teñen un só traballador, 2.500 euros entre 2 e 5 traballadores e 3.000 euros entre 6 e 9 traballadores.

As solicitudes terán que enviarse a través da sede electrónica municipal polo que será necesario dispoñer dun certificado dixital para tramitalas. Os únicos requisitos son estar de alta por conta propia ou no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou ter rexistrada a empresa desde antes do estado de alarma, mantendo a mesma forma xurídica ata o 31 de marzo de 2021.
Para máis información na Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Camariñas, solicitando cita previa na Casa de Pedra no teléfono 981 73 70 04.