Friday 22 de November de 2024

O Concello contrata a redacción do Plan Director de Saneamento para buscar unha solución global e conxunta para este proxecto


A planificación que se obterá é fundamental para definir as necesidades, prioridades e elementos que formarán o sistema de depuración de todo o municipio.

O Concello de Malpica contratou a redacción do Plan Director de Saneamento para buscar unha solución global e conxunta para este proxecto. A planificación que se obterá con isto é fundamental para definir as
necesidades, prioridades e elementos que formarán o sistema de depuración de todo o municipio.
Iniciaranse, pois, os traballos coa recompilación e análise de toda a información da que se dispón en colaboración co persoal municipal. Tamén se acudirá aos organismos supra municipais competentes na materia, como Augas de Galicia ou a Deputación Provincial da Coruña.
Levarase a cabo con todos os datos recollidos a representación do sistema de saneamento actual, indicando o seu estado e a a súa diagnose. Daranse as solucións necesarias para a optimización e correcto funcionamento das instalacións actuais, tanto da rede separativa como da depuradora, bombeos e tamén dos elementos auxiliares.
Buscarase tamén protexer o patrimonio natural do concello de Malpica. Co obxectivo de conseguir o saneamento integral do municipio, seguindo uns criterios de eficacia, optimización de custes e sustentabilidade que fagan que os vertidos sen tratar ao medio desaparezan, farase un estudo de alternativas valorado economicamente e unha proposta de actuacións e financiamento que impliquen un calendario de execucións.
O alcalde, Walter Pardo, valora este primeiro paso como ‘fundamental para un cambio integral no sistema de saneamento do noso concello, un servizo indispensable que precisa dunha renovación’, sinala o rexedor malpicán, quen agarda que ‘isto supoña unha optimización na calidade de vida de moitas das persoas que habitan Malpica’, sentencia.