O Concello de Camariñas celebrou hoxe, xoves 5 de novembro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se trataron os seguintes puntos:
Aprobouse a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa dos servizos de redes de sumidoiros cos votos a favor do PSOE e en contra do BNG e o PP. O obxectivo deste cambio é equilibrar a táboa de ingresos e gastos xa que o custe supera amplamente aos ingresos obtidos polo tributo. “Non ten afán recadador, só queremos lograr un equilibrio económico nas contas municipais xa que o custo do servizo incrementouse moito polo establecemento das depuradoras”, destaca Sandra Insua.
Con esta modificación só se incrementará en nove euros o primeiro epígrafe desta taxa, que afecta ás vivendas unifamiliares e pisos vivenda. Mantéñense igual as cotas para comercios, cafeterías, bares, tabernas, espectáculos, restaurantes, sales de festas, discotecas e aloxamentos.
Aprobouse tamén a modificación da Ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles cos votos a favor do PSOE e PP e abstención do BNG. O goberno local propuxo modificar a ordenanza do IBI xa que actualmente non contempla ningunha bonificación para as familias numerosas. “Dada a situación económica e social na que nos atopamos considérase axeitado contemplar este desconto”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Así, co novo texto aplicarase unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, previa solicitude e acreditación no Concello e sempre e cando os bens sobre os que se pretenda aplicar a bonificación non teñan un valor catastral superior ós 100.000 euros. “Os interesados deberán presentar a solicitude antes do 31 de decembro para que teña efecto o próximo ano, de aí a necesidade de organizar este pleno”, precisa a rexedora.