Friday 22 de November de 2024

O Centro Demostrador TIC presenta as vantaxes do sistema OUI! para a xestión integral da empresa


A sesión, organizada pola empresa APM Management Tools, celebrarase o día 4 de febreiro en horario de 16.00 a 19.00

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o 4 de febreiro unha sesión demostradora que leva por título “ERP, ese gran descoñecido” (https://cdtic.xunta.es/erp-oui) que se desenvolverá en horario de 16.00 a 19.00 horas.

Trátase dunha actividade coa que se pretende dar a coñecer en profundidade que é un ERP (siglas en inglés de Enterprise Resource Planning, isto é, sistemas de planificación empresarial) e o que pode achegar na xestión dunha empresa. Así, trataranse os aspectos que cómpre ter en conta no proceso de selección dun ERP ou como potencia a competitividade da empresa a implantación dun sistema deste tipo. Ademais, presentarase OUI!, un sistema ERP para a xestión integral da empresa.

A sesión vai dirixida a profesionais na área de xestión, persoal directivo, mandos intermedios e empresariado. A empresa encargada da demostración será APM Management Tools, unha compañía con 35 anos de experiencia no mundo industrial.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Que é OUI!?
OUI! é un sistema ERP que se estrutura en tres módulos: OROS, para a xestión administrativa e comercial; IRIS, para a xestión contable e financeira; e URUS, para a xestión de produción, calidade, seguimento continuo de procesos, modelo de custos etc.

OUI! está enfocado claramente a achegar solucións sinxelas e prácticas para a explotación da información, a integración de todas as áreas da empresa nunha soa plataforma e o fomento das sinerxías dentro dunha organización.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

Tres anos de escaparate tecnolóxico de Galicia
Desde a súa posta en marcha, en xullo de 2011, este centro cumpriu o seu maior reto servir de escaparate tecnolóxico de Galicia, fomentando a interrelación entre a oferta do sector TIC e as empresas galegas.

O CDTIC organizou en tres anos máis de cen actividades nas que participaron arredor de cen empresas TIC colaboradoras e máis de mil empresas asistentes. En total, impartíronse máis de 300 horas de formación TIC altamente especializada cun nivel de satisfacción entre as empresas moi elevado.

Entre os beneficios percibidos polo sector empresarial, cómpre destacar que o 45 % das empresas tecnolóxicas que presentaron solucións TIC no centro recibiu peticións de orzamento e o 26 % pechou, polo menos, un contrato. Por outra banda, entre as empresas demandantes que asistiron ao CDTIC, o 90 % accedeu a provedores e solucións TIC que non coñecía ata o seu paso polo centro e o 67 % afirma ter interese por implantar este tipo de solucións.