Saturday 16 de November de 2024

O Consello Municipal de Deportes comezará a funcionar en decembro


A alcaldesa, Inés Rey, sinala que para o Goberno local “a creación deste consello sempre foi unha prioridade, desde o inicio do mandato” e, asegura, “é unha promesa que pronto será unha realidade”

O Consello Municipal de Deportes (CMD) botará andar no mes de decembro. Será un órgano consultivo e de participación do mundo do deporte da cidade, así como un instrumento para potenciar a promoción do deporte a actividade física. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, considera imprescindible a creación deste órgano dada a importancia que ten o deporte na vida da cidade, “porque son milleiros de coruñeses que cada día fan deporte en clubs, asociacións, equipos ou simplemente na rúa e nas prazas”.

A alcaldesa, Inés Rey, sinala que para o Goberno local “a creación deste consello sempre foi unha prioridade, desde o inicio do mandato” e, asegura, “é unha promesa que pronto será unha realidade”.

Desde a Concellería de Deportes considérase “vital a participación e a contribución do mundo do deporte da cidade nas decisións que se tomen desde o Concello, por exemplo á hora de elaborar o novo regulamento de usos de instalacións, para fixar criterios e valoracións de convenios, subvencións e bolsas e mesmo para elaborar un plan estratéxico de deportes dunha cidade que pretende vencellar a súa imaxe e marca ao deporte”, explicou Martínez.

A creación do CMD conseguirá ademais dar resposta ás demandas, os problemas e as necesidades que afectan as diferentes axentes deportivos da cidade; funcionará a través de grupos de traballo co fin de asesorar ao Goberno municipal en materia de deporte e de actividade física. A formación tamén participará no deseño, avaliación e seguimento dos plans, os programas e as actuacións deportivas.

Desde a Concellería de Deportes apuntan que “todos os clubs inscritos no Remac serán invitados a participar no futuro Consello Municipal de Deportes”.