Sunday 24 de November de 2024

Lete Lasa celebra os logros da hípica galega no 2014 e destaca o Primeiro Posto Nacional de Salto de Obstáculos por Equipos Xuvenís


Felicita a todos os deportistas polos podios e logros acadados nos campionatos galegos, nacionais e europeos, á vez que agradece o traballo da Federación Hípica Galega, que permite que a comunidade poda ver neste deporte unha vía de crecemento

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, manifestou a súa satisfacción polos bos resultados da hípica galega na tempada 2014, entre os que quixo destacar a medalla de ouro por equipos acadada no Campionato de España de Xuvenís de Salto de Obstáculos.

Na súa intervención na XIX Gala da Hípica de Galicia celebrada esta noite no Gran Hotel da Toxa, Lete Lasa felicitou a todos os deportistas recoñecidos no acto polos diversos podios e logros que acadaron nos campionatos galegos, nacionais e europeos, á vez que agradeceu o bo traballo que estar a facer a Federación Hípica Galega, presidida por Carlos Domínguez, desenvolvendo unha notable programación e un esforzo de promoción desta especialidade que permite “que Galicia podar ver neste deporte unha vía de crecemento que a Secretaría Xeral para o Deporte recoñece, valora e apoia”.

Entre os moitos fitos da tempada 2014 o responsable de Deportes da Xunta lembrou de xeito especial a “emoción sen paliativos” vivida o pasado mes de xullo en Segovia na proba por equipos xuvenís do campionato nacional de salto de obstáculos, onde, coma nas mellores xornadas deportivas, as medallas disputáronse en desempates e na que os galegos, que competían xunto a outros 25 equipos, se impuxeron ao seu contrincante, o Real Club de Polo de Barcelona, nunha xornada de domingo inesquecible.

Neste triunfo participaron Andrea Vidal con ‘Padina LP’, Patricia Juane con ‘Chantre’, Andrés Lorenzo con ‘Marquis des Dunes’ e Sara Alonso montando a ‘Colombo’, e xunto a el cómpre engadir as tres medallas individuais conquistadas na mesma cita segoviana.

Tendo en conta estes resultados e os acadados noutras competicións nos meses pasados, Lete Lasa asegurou que os deportistas galardoados esta noite “sodes firmes candidatos a seguir acaparando noticias de éxitos para o deporte galego”, un reto e unha ilusión no que sempre atoparán o apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, desde a que “traballamos e investimos no posible para estar á altura dos deportistas e dos éxitos que conseguides para Galicia”.

Entre os galardoados esta noite atópanse deportistas e clubs das catro provincias galegas, destacando un alto número de premiados polos seus resultados nos campionatos galegos de saltos, raid, horseball, andadura e doma clásica. En total, na Gala fíxose entrega dun total de 82 premios e recoñecementos.

Na actualidade, a hípica galega suma preto de 3.800 licenzas e 48 clubs con actividade nesta especialidade deportiva.