Friday 22 de November de 2024

Os investimentos de Portos de Galicia na provincia da Coruña en 2021 priorizarán a seguridade para a frota e so seus usuarios


A presidenta do ente público e o delegado territorial na provincia avaliaron as principais necesidades dos peiraos coruñeses nunha reunión de traballo

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, dará prioridade nos investimentos de 2021 na provincia da Coruña ao reforzo da seguridade nas instalacións portuarias. Así llo trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, ao delegado territorial da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, nunha reunión de traballo na que avaliaron a proposta orzamentaria que está a ultimar o organismo portuario.

Susana Lenguas indicou que o documento provisional co que o ente público está a traballar recolle unha distribución dos investimentos que dá prioridade á nova construción, ampliación e mellora de pantaláns en diversos peiraos, entre eles Corme, Pontedeume, Fisterra, O Freixo, Muros, Miño, Betanzos, Corcubión, Testal ou Pontecesures. Con estas actuacións mellóranse as condicións de seguridade e operatividade para os usuarios dos peiraos.
Así mesmo, destacan as obras de integración entre os portos e as vilas mariñeiras, como é o caso das actuacións previstas para Porto do Son e Ribeira. Ademais, os orzamentos contemplarán a continuación das obras de dragaxe no peirao de Laxe, que xa se iniciaron neste 2020.
Finalmente, a proposta orzamentaria, que se pechará nos vindeiros días, inclúe melloras na edificación portuaria e actuacións de reforzo da operativa portuaria como a instalación de defensas e escadas e reforma de viais interiores.