San Sadurniño farase en breve con 24 novos colectores para envases lixeiros e para papel e cartón por medio do convenio suscrito entre Ecoembes e a Xunta de Galicia para fomentar a recollida selectiva. De acordo co estipulado nese convenio, a entidade reserva unha partida de algo máis de 7.000 euros destinados á merca de contedores para o noso concello que se fará efectiva nos próximos días. Así se recolle no acordo asinado polo alcalde e o responsable de zona de Ecoembalajes España S.A. no que, ademais, se sinala que a compra se poderá delegar na empresa que encargada da recollida do colector amarelo en varios municipios da comarca -Vázquez Garzón S.L.-, de maneira que o Concello accederá á propiedade do material sen ter que facer efectivo ningún desembolso.
Ecoembes asume o sobrecuste do servizo derivado da merca de colectores achegando 3.800 euros -IVE non incluído- no caso dos depósitos amarelos. Unha contía que dá para adquirir 20 colectores de 800 litros de capacidade que se instalarán na súa maioría en lugares onde antes non os había, pero que tamén se utilizarán para repoñer outros danados tras anos de uso.
No tocante aos contedores para papel e cartón, o acordo estipula unha cantidade de 3.250 € ou, o que é o mesmo, a adquisición de 4 depósitos metálicos cunha capacidade de 3 m³ cada un.
O Concello xa ten máis ou menos definido o emprazamento deste novo equipamento. Segundo sinala o alcalde, Secundino García, “hai algunhas zonas onde o servizo de recollida detectou que fai falla un colector amarelo de maior tamaño e outras onde foron os propios veciños e veciñas quen o solicitaron. Se queremos que a separación funcione ten que haber contedores suficientes e cunha distribución axeitada polo territorio”.
Porén, ademais de colectores “tamén fai falla que todas e todos nos concienciemos sobre a súa correcta utilización”. E é que moita xente pensa equivocadamente que o colector amarelo é “o do plástico” e que nel se pode botar todo o que sexa dese material. Nos colectores amarelos téñense atopado moitas cousas que non deberían estar alí: caldeiros, xoguetes vellos, plásticos agrícolas, anacos plásticos de electrodomésticos, parachoques de fibra, pneumáticos usados, bloques e planchas de poliexpán… de todo.
Nos colectores amarelos só se poden depositar envases de plástico -botellas plásticas baleiras de auga ou refrescos, botellas do aceite de cociña (non garrafas do aceite do coche), botellas do deterxente líquido da lavadora ou da lavalouzas, envoltorios de film, bolsas de plástico, bandexas do peixe, a carne ou o friame, frascos do champú…-, tamén latas -de conservas, bandexas de aluminio…- e bricks de zumes, do leite, de batidos, do azucre…
Se falamos dos colectores do cartón -os azuis en forma de iglú ou de caixón metálico- o único que se pode botar neles son envases de cartón -as caixas dos cereais (o plástico de dentro hai que separalo e botalo no amarelo), caixas de galletas (se dentro levan separadores plásticos, estes irán tamén ao amarelo), caixas de zapatos… e tamén o papel -revistas e xornais, folios vellos, etc.- e, en xeral, calquera recipiente ou envoltorio que sexa deste material. Antes de botalo dentro do colector é moi recomendable prensalo para que ocupe menos.
Desde o Goberno local recórdase que unha correcta separación en orixe facilitará despois a reciclaxe dos residuos. Porén, tanto ou máis importante que separar ben é reducir no posible todos eses materiais que van habitualmente aos colectores.