Friday 22 de November de 2024

O Concello poñerá ao Portiño no mapa mundial do surf


A Concellería de Deportes, en colaboración con After Surf e outras entidades, organizará un evento de surf de Onda Xigante de carácter internacional, que pretende posicionarse xunto a outros certames de gran calado como o de Nazaré grazas aos 20 metros de altura que a onda chega a acadar mar adentro e ao potencial natural da zona.

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Deportes, e en colaboración con After Surf e outras entidades, organizará un evento de surf de Onda Xigante no Portiño, de carácter internacional e que pretende posicionarse xunto a outros certames de gran calado como o de Nazaré grazas aos 20 metros de altura que se chegan a acadar en mar aberto e ao potencial natural da zona. A iniciativa xorde a raíz de coñecerse que a cidade acollerá o Campionato de España de Onda Grande 2020 antes de que remate o ano, tamén no Portiño, se as condicións do mar o permiten, pero neste caso a altura das ondas van de 7 a 11 metros de altura e os surfistas acceden remando a estas.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, considera que “A Coruña, e en concreto a zona do Portiño, ten moitísimo potencial para realizar un certame desta envergadura” e cre que “é necesario para a cidade abrirlle os ollos a un deporte que existe noutras partes do mundo que ofrecen condicións similares ás do Portiño, como é o caso de Nazaré, o epicentro do surf de ondas grandes, ou o Illa Pancha Challenge de Ribadeo”. Ademais, destaca a edila, “contamos coa colaboración do surfista de orixe francobrasileira instalado en Bastiagueiro, Eric Rebiere, que está considerado un dos profesionais da elite das ondas xigantes a nivel mundial, para o que foi o descubrimento da existencia desta onda no Portiño” e, engade, “A Nota de Prensa Coruña veu nacer o actual campión de España de Onda Grande, Juan Fernández, que
conseguiu este título a primeira vez que participou na competición”.
Martínez asegura que, para a cidade, “é máis que un evento deportivo” xa que a organización “promoverá entre as e os profesionais asistentes o coñecemento da zona en que se desenvolve o campionato”. Ademais, a edila sinala que os parámetros de seguridade, “moi relevantes neste tipo de eventos deportivos de risco”, xa se están estudando para que a competición se poida realizar con todos os niveis de seguridade necesarios. A titular de Deportes confía en que este certame será “todo un espectáculo para o público, xa que o Paseo Marítimo do Portiño é unha contorna segura, un anfiteatro natural que permitirá velo desde diferentes puntos da nosa costa”.