Boteiros de Viana do Bolo, cigarróns de Verín, felos de Maceda, madamas e galáns de Vilaboa, pantallas de Xinzo de Limia, peliqueiros de Laza e xenerais da Ulla celebraron un desfile polo Casco histórico de Compostela
Boteiros de Viana do Bolo, cigarróns de Verín, felos de Maceda, madamas e galáns de Vilaboa, pantallas de Xinzo de Limia, peliqueiros de Laza e xenerais da Ulla concentráronse en Santiago nun evento organizado por Turismo de Galicia para promover a participación nos distintos entroidos que se celebrarán na Comunidade galega o vindeiro mes de febreiro.
A concentración comezou na Cidade da Cultura de Galicia onde a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tomou unha fotografía cos participantes do desfile do Entroido de Galicia 2015.
Nava Castro lembrou a importancia destas festas para a proxección da imaxe de Galicia e o seu valor como elemento fundamental do turismo cultural da Comunidade galega.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao poder desestacionalizador desta manifestación festiva e cultural, que atesoura oito denominacións como festas de interese turístico, concretamente as dos entroidos de Cobres-Vilaboa, Laza, Maceda, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo, a Comarca da Ulla e Xinzo de Limia.
Desfile polas rúas do Casco antigo de Compostela
A concentración de entroidos declarados de interese turístico en Compostela tivo como acto máis destacado un desfile polas rúas da cidade.
Así, procedentes de distintos puntos da cidade, os grupos dos entroidos participantes chegaron á Praza do Obradoiro dende onde comezaron un percorrido conxunto polas principais rúas do Casco antigo de Santiago.
Aposta polas festas de interese turístico de Galicia
A directora de Turismo de Galicia manifestou tamén a especial atención que lle dedicará o departamento que dirixe ás festas de interese turístico de Galicia ao longo do ano 2015, xa que, xunto aos concellos de interese turístico da Comunidade galega e os establecementos que opten pola certificación no Sistema de Calidade Turística de España, a través da marca Q de calidade turística, serán os elementos da oferta turística galega máis beneficiados coas axudas económicas da Xunta de Galicia no eido do turismo.
Centrándose nos entroidos, Nava Castro mencionou tamén outra acción de apoio a esta festa en 2015, como é a edición de dous folletos nos que se detallan cada un dos oito entroidos declarados de interese turístico —incluíndo os programas de actividades— e os principais elementos gastronómicos do Entroido en Galicia.
Estas dúas publicacións serán presentadas na vindeira semana na Feira Internacional do Turismo de Madrid, Fitur 2015, e distribuiranse a través das distintas oficinas de turismo da Xunta de Galicia e outros entes de promoción turística.