Friday 22 de November de 2024

Benestar Social habilita un hostal para darlles acubillo a 33 persoas sen fogar e amplía o programa de canguraxe cun servizo de atención domiciliaria á rapazada confinada


A concelleira Yoya Neira sinalou que están traballando con todas as entidades sociais para proveren de recursos habitacionais e darlles resposta ás primeiras necesidades das persoas máis vulnerables

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou esta mañá novas medidas para esta segunda onda da Covid-19, en que destaca un dispositivo valorado en 50.000 euros ao mes para que as persoas sen fogar teñan a opción de se quedaren nun hostal durante o toque de queda. A edila presentou un conxunto de medidas que amosan o compromiso do goberno de Inés Rey para garantir o benestar e a seguridade das e dos coruñeses máis vulnerables.

Neira explicou que o edificio ten capacidade para 33 prazas distribuídas en 24 habitacións e que haberá posibilidade de habilitar camas para usuarias/os que teñan que permanecer illadas/os en caso de se detectar un caso positivo. Así mesmo, unha delas estará acondicionada para persoas con mobilidade reducida. Desde a concellería proporcionaráselles a todas e todos os beneficiarios non só un lugar en que durmiren, tamén o servizo de aseo, almorzo e cea. Para os xantares, utilizaranse os demais recursos dispoñibles.

O acceso ao dispositivo farase logo da derivación previa dos equipos técnicos municipais, que estudarán antes cada caso e que “están traballando cóbado con cóbado coas entidades sociais desta cidade”. Neira recordou que hoxe se reuniron coas institucións que dan resposta ás primeiras necesidades da veciñanza de tipo alimenticio e aseo e que a semana pasada o fixeron coas que ofrecen habitacionalidade co fin de saber a situación de todas elas e as prazas e recursos dos que dispoñen. Canto ao hostal, sinalou que haberá persoal durante as 24 horas do día que se repartirán en catro quendas máis o persoal técnico municipal.

Por outra parte, o equipo de rúa (Abeiro) e o SEMUS seguirán traballando na rúa coas coruñesas e coruñeses que non queiran utilizar o novo servizo. Engadiu que de haber un novo confinamento, xa sexa brando ou duro, “temos previsto pór en marcha o pavillón de Riazor” con toda a dinámica anterior de colaboración co Sergas e un servizo medico para PCR, así como de intervención social. Outra das cuestións que barallan é a necesidade de darlles acubillo ás vítimas de violencia doméstica nunha casa de acollida que reforce a municipal, “en meses anteriores, contamos cun dispositivo cedido por unha entidade relixiosa. A colaboración foi absoluta e alí quedaron dúas mamás e catro nenos”.

Ademais, Yoya Neira adiantou que ampliarán o Programa de Canguros Municipais dando a opción de darlles asistencia domiciliaria por primeira vez ás e aos fillos que teñan que quedaren confinadas/os na casa por haber un positivo nas súas aulas.
Por outro lado, afirmou que se reactivará a liña de teléfono Acompáñote, que se puxo en marcha con parte do voluntariado co fin de mellorar a saúde emocional das persoas maiores: “Estamos detectando a necesidade de falar e relacionarse e vemos que cada vez é máis complicado polos peches dos centros”.

Neira falou hoxe dunha terceira onda despois da afluencia de demanda en agosto dos servizos sociais que teñen que estaren preparados para todo o que poida vir.

Neste punto, agradeceulle de novo ao voluntariado o esforzo realizado, “son un buque insigne da Coruña con protagonismo propio ao se xuntar 534 cooperantes en 24 horas, das e dos que 71 seguen activas/os”. Na actualidade, contou que a Escola de Participación ofrece 1.800 horas de formación neste campo, cunha atención especial á asistencia a persoas con COVID tanto para entidades como para particulares: “Céntrase en primeiros auxilios e en como atender cuestións básicas como a recollida do lixo de casas en que viva algún caso positivo”. A concelleira afirmou que todos estes programas non serían posibles sen elas/es e sen as entidades sociais coas que manteñen un contacto diario. Neira recordou que a directriz da alcaldesa é a da colaboración absoluta coas administracións competentes na xestión da pandemia porque “cando somos capaces de traballar polo ben común, conséguese”.