Friday 22 de November de 2024

Luz verde ao convenio coa Xunta e Adif para construír a Estación Intermodal


A Xunta de Goberno Local autorizará na sesión de mañá o acordo para o desenvolvemento conxunto do Transporte metropolitano na cidade e na comarca

A Xunta de Goberno Local autorizará mañá o convenio marco que establece a colaboración entre o Concello, o Goberno autonómico, o Ministerio de Transportes e Adif para construír a Estación Intermodal da Coruña. O acordo recolle que o concello construirá os accesos á estación e un aparcadoiro para vehículos na estación de autobuses. Entre os traballos que asumirá o concello está a remodelación das avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, que inclúe a construción dunha pasarela, que nun principio será para as persoas viandantes e ciclistas, pero que o Goberno local non descarta que se destine para o tráfico de vehículos. Ademais, construirá o viario de conexión entre a avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que servirá para mellorar a conexión e accesibilidade entre as ditas avenidas e a nova estación. Para poder levar a cabo estas actuacións, o Goberno local realizou cambios no Plan xeral de ordenación municipal que aparecen tamén recollidos no convenio tras a súa aprobación polo
Pleno.

A alcaldesa, Inés Rey, asegura que este acordo facilita que se constrúa unha infraestrutura que mellorará a mobilidade da Coruña e da área metropolitana. Rey mostrou a satisfacción do goberno local por alcanzar un acordo “que chega tras meses de intenso traballo por parte das tres administracións facendo posible un convenio que levaba anos bloqueado”. De feito, lembra que o Goberno do Estado incluíu nos orzamentos para o 2021 unha partida de 18, 6 millóns de euros para a construción da nova terminal.

Tamén se lle dará luz verde ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e outros concellos para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na Área de transporte metropolitano da Coruña e autorizará a súa subscrición. Aínda que non aparece recollido neste convenio, para o concello este acordo ampara a posibilidade legal de que os buses urbanos traspasen os límites do termo municipal da Coruña, tal e como aparecía recollido no convenio do 2010. O Goberno local incluirá nos orzamentos municipais a partida necesaria para facer fronte ás achegas anuais, que ascende a 8,2 millóns de euros.

Na proposta de acordo o concello demándalle á Consellería de Transporte que se comprometa a abrir un proceso que desemboque na posta en marcha dunha única autoridade do transporte na área metropolitana e a estableza novos mecanismo que faciliten un intercambio de información máis fluído entre Xunta e concellos.

Tamén se aprobará o proxecto de obras para mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns, en que se ensancharán as beirarrúas habilitando espazos de convivencia para a veciñanza con vexetación e bancos.

Na sesión de mañá autorizarase a cesión do uso dunha aula de informática do Centro Municipal de Emprego dos Rosales á Asociación Banco de Alimentos para impartir cursos de formación de voluntariado.

E, por último, no ámbito xudicial, tamén aprobará interpoñer un recurso contra a resolución da Xefatura da Coruña da Consellería de Medio Ambiente pola que suspendeu a autorización concedida ao Concello da Coruña para os traballos de restauración do Xardín de San Carlos. O concello argumenta que se prescinde do procedemento legal establecido. Para o Goberno local a autorización unicamente podería ser suspendida no marco dun procedemento de revisión do acto administrativo, que non se produce neste caso. A consellería, explican desde Medio Ambiente, pode comprobar que as obras que realiza o concello se axustan os traballos autorizados.