Friday 22 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño evidencia os problemas de conectividade do territorio


San Sadurniño volveu onte á tarde aos plenos telemáticos. Os tres grupos municipais así o acordaron como reforzo das medidas preventivas ante o repunte de contaxios na área sanitaria. Porén, máis que o asunto que se ía tratar -a aprobación da Conta Xeral de 2019- a protagonista da sesión foi a dificultade para comunicarse cos concelleiros e concelleiras que participaban desde a casa e incluso para poder emitir o pleno a través de Facebook, tal e como estaba anunciado. De feito, a emisión cortouse aos dous minutos de comezar e, ademais, tamén houbo dúas concelleiras que finalmente tiveron que efectuar por teléfono a votación do tema tratado, ante a imposibilidade de mantérense en liña e sen interrupcións durante o transcurso do pleno.

As últimas sesións plenarias emitíronse sen maior problema a través de internet, dado que practicamente toda a corporación estaba presente na sala e a loxística virtual só esixía unha liña con capacidade suficiente. Porén, neste pleno só se citaron catro persoas de maneira presencial: o secretario municipal, a portavoz do BNG, un dos membros do PP e o alcalde. Os tres grupos acordaran previamente que o resto de concelleiros e concelleiras se conectasen desde a casa ou desde outras dependencias municipais, co obxectivo de que no salón de plenos estivesen única e exclusivamente as persoas imprescindibles.

As flutuacións de velocidade de cada unha desas conexións remotas provocaron que o pleno retrasase case dez minutos o seu inicio e, posteriormente, tamén dificultaron a votación do tema que se trataba. O alcalde, Secundino García, lamentaba no arranque do pleno “unha situación que demostra que nas zonas rurais estamos padecendo unha penuria de comunicacións que moitas veces fai imposible a vida normal”. García tamén deixou no aire a petición de que “polo menos isto sirva de demanda a quen corresponda de que estas cuestións hai que solucionalas. Hoxe pásanos no pleno pero mañá pode pasar no ensino”.

Unha vez iniciada oficialmente a sesión explicouse que o punto para tratar era o da aprobación da Conta Xeral de 2019, que coincide nas grandes cifras coa liquidación xa aprobada en xullo. Daquela indicábase un remanente de tesouraría para gastos xerais axustado por valor de 1.657.324,37 euros. Tamén se sinalaba que a 31 de decembro o Concello dispuña de 1.451.419€ de fondos líquidos e que a previsión de gastos descrita inicialmente no orzamento se executou en case un 80%.

A Conta Xeral foi cualificada pola portavoz do BNG, María Muíño, como “un balance que indica que o Concello ten unhas contas máis que saneadas, do que se pode desprender que a xestión realizada por parte do Grupo de Goberno foi responsable e atinada, ademais de indicar un esforzo e proactividade na busca de finanzamento externo para poder levar a cabo proxectos de interese para a veciñanza de San Sadurniño”. Muíño explicou tamén que no mesmo expediente se incluíu unha depuración de saldos contables coa finalidade de retirar da contabilidade municipal facturas erróneas ou presentadas por duplicado (principalmente abastecementos eléctricos).

O asunto foi ditaminado favorablemente na comisión de Facenda de finais de agosto e o seu contido estivo posteriormente exposto ao público durante 15 días. Nese período só recibiu un escrito rexistrado pola portavoz do Partido Popular, María Belén Trigo Meizoso. Neste sentido, desde a alcaldía solicitóuselle a Secretaría Intervención un informe que analizase o seu contido de cara a rexeitar ou estimar, de ser o caso, as posibles alegacións reflectidas nel.

Tal e como describe o técnico municipal, no escrito solicítanse explicacións complementarias sobre o contido da Conta Xeral, máis que plantexar unha oposición á súa aprobación polo Pleno, xa que no escrito presentado polo PP non aparece ningunha solicitude de rectificación nin motivos de oposición ao trámite da Conta. Por este motivo, desde os servizos técnicos municipais indicouse a procedencia de desestimar as alegacións formuladas e someter o expediente á consideración do pleno para a súa aprobación, que saíu adiante cos votos favorables do BNG e do PSOE e a abstención do Partido Popular.

Tralas votacións -onde tamén houbo dificultades técnicas- o alcalde deu por rematada a sesión agardando poder ter solventados os problemas de conexión para a próxima cita. Con todo, cabe a posibilidade de que os seguintes plenos poidan cambiar de ubicación temporalmente e volver ser presenciais. Barállase celebralos no auditorio da Casa da Cultura, único espazo con capacidade para garantir o distanciamento interpersoal de toda a corporación.