Friday 22 de November de 2024

A peza teatral Bernarda. Vilalba 1975 representarase no Elma


A compañía Malasombra levará á escena no Elma neste domingo 8, ás 19.00 horas, a obra Bernarda. Vilalba 1975, que recolle o punto de partida de La casa de Bernarda Alba, escrita por Federico García Lorca en 1936. Trata así a historia dunha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento clave da nosa historia recente, no cal as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso o loito. Bernarda, ó quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual ca sempre, como foi toda a súa vida, e que as influencias dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela
mesma. Bernarda non entende a música ye-yé, as minisaias, os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa reacción é clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer”.
A dita peza teatral é unha historia comprensible e universal, coa cal calquera pode sentir unha identificación, pois quen máis quen menos viviu ou vive na súa casa un choque xeracional, onde os valores e os costumes das persoas máis vellas se topan de fronte contra a necesidade das máis novas de crearen un mundo distinto cos seus propios códigos e condutas. E este choque de xeracións está sustentado pola interpretación das tres actrices do espectáculo, onde Luisa Merelas encarna Bernarda, mentres que Esther Aja e Celia González darán vida ás súas fillas, coas cales loitará con tódalas súas forzas para que non se vaian do rego que ela lles marque.
Na ficha técnica figura como texto orixinal de Jose Prieto, quen tamén é o director, con Xoque Carbajal como axudante de dirección, produtor e deseño de iluminación e Kukas a cargo da escenografía.
Organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, esta actividade transcorrerá seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981831545 (casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler).