Esta Central conta coa única poxa de gando bovino informatizada de España
A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, visitou o pasado martes as instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. A directora, acompañada polo director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, destacou a importancia da poxa da Central na súa dobre vertente de facilitar a comercialización do gando bovino e actuar como referencia nos prezos para toda Galicia.
A Central Agropecuaria de Galicia, creada no ano 1981, ten o obxectivo de facilitar o encontro entre oferta e demanda do sector e de maximizar os prezos de vacún. Conta coa única poxa de gando bovino informatizada de España, que foi evolucionando dende os seus inicios de forma parella ao mercado agropecuario e ás súas necesidades, ao tempo que foi mellorando periodicamente o seu sistema informático dende a súa implantación en 1993.
A Poxa da Central opera cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública con xestión informática, que elimina a presenza de intermediarios, o que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores e o cobro seguro, xestionado por la propia Central.
Por outra banda, a Central Agropecuaria de Galicia acolle semanalmente Mesas de Prezos, sen presenza física (de porcino cebado, leitóns, ovos, galiñas de desvelle -todos os martes- e de coello -todos os venres-). No seu marco reúnense produtores e industria para acordar os prezos de referencia cos que os operadores levarán a cabo as súas transaccións, sendo o seu obxectivo a xeración de prezos operativos para o mercado.
Tras o percorrido pola Central Agropecuaria de Galicia, Patricia Ulloa e Ricardo Durán visitaron outras instalacións como a Oficina Agraria Comarcal, a AFRICOR Pontevedra e a Agrupación de Defensa Sanitaria Galega (ADSG) de porcino.