O obxecto do contrato é a prestación do servizo de laboratorio externo para a análise das mostras necesarias para a vixilancia e control do estado das poboacións piscícolas dos ríos, dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos autonómicos
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato de servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.
Segundo a resolución publicada esta semana, o obxecto do contrato, que se eleva a 35.000 euros, é a prestación do servizo de laboratorio externo para a análise das mostras necesarias para a vixilancia e control do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos, dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia.
Requírese que o laboratorio conte cos medios precisos para a análise de virus, bacterias, parasitos e sustancias tóxicas que poidan afectar aos peixes. O adxudicatario levará a cabo este labor durante un período de 10 meses.
O prazo de presentación das ofertas remata o vindeiro 4 de febreiro e deberá levarse a cabo no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano, s/n).
Peixes autóctonos
A Xunta de Galicia dispón de catro centros deste tipo, destinados á produción de liñas autóctonas de peixes tanto para a súa liberación no medio natural con fins de repoboación (por exemplo en cotos para reforzos das poboacións ou cando é necesario por problemas de verquidos, por exemplo), como para reforzos de poboacións.
As especies que albergan son salmón (só en Lugo e Pontevedra) e troita (nos catro centros). Os animais obtéñense a partir de reprodutores capturados no medio natural (que desovan nestas instalacións). No caso dos salmóns, os exemplares son radiomarcados e así, unha vez que se soltan, pódense estudar os movementos e as porcentaxes de retorno dos salmóns en función das masas de auga, o que serve ademais para o estudo dos factores que inflúen no seu comportamento.
Centros:
– A Coruña:piscifactoría de Sobrado do Monxes
-Lugo: piscifactoría O Veral
-Ourense: piscifactoría O Carballiño
-Pontevedra: piscifactoría de Carballedo.