Saturday 16 de November de 2024

A Fundación Emalcsa e Vegalsa fan máis inclusiva a cidade


A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “é obxectivo deste programa que as persoas con discapacidade poidan desenvolver e utilizar o seu potencial creativo, artístico e intelectual, non só no seu propio beneficio senón tamén para o enriquecemento da sociedade” e, engadiu, “para lograr este obxectivo, o programa pretende crear un marco estable de colaboración e traballo conxunto entre as entidades sociais e culturais da cidade”

A alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, e o director xeral de Vegalsa, Joaquín González Iglesias, asinaron esta mañá un convenio do Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa con Vegalsa, baixo o nome “Cultura Accesible e Inclusiva”. Ao acto de sinatura do contrato tamén asistiron a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, o director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, e a directora de Responsabilidade Social Corporativa de Vegalsa, Gabriela González.

A través deste programa, cuxo orzamento previsto para os exercicios 2021 e 2022 ascende a 300.000 €, preténdese lograr a igualdade de oportunidades no acceso á cultura na cidade da Coruña, así como romper as barreiras, especialmente das persoas con discapacidade, para a plena participación da cidadanía nestas actividades.

Rey sinalou que “é obxectivo deste programa que as persoas con discapacidade poidan desenvolver e utilizar o seu potencial creativo, artístico e intelectual, non só no seu propio beneficio senón tamén para o enriquecemento da sociedade” e, explicou, “para lograr este obxectivo, o programa pretende crear un marco estable de colaboración e traballo conxunto entre as entidades sociais e culturais da cidade”. “Cultura Accesible e Inclusiva” é un programa transversal para cuxo desenvolvemento se precisa da colaboración de múltiples axentes e institucións da vida cultural da cidade”, dixo.

Pola súa banda, Joaquín González Iglesias sinalou que “desde Vegalsa queremos contribuír a que as persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social poidan desenvolver o seu potencial, así como aproveitar as oportunidades que ofrece a acción cultural como elemento de inserción social na cidade”.

Realizar tres convocatorias de subvencións a proxectos de “Cultura Accesible e Inclusiva” e levar a cabo os correspondentes festivais nos outonos destes tres anos para contribuír á difusión dos obxectivos do programa son, entre outras, algunhas das actividades que o convenio contempla para os anos 2020, 2021 e 2022.